CULTURA

Rodrigo Leão visita Compostela co seu traballo máis introspectivo e nostálxico

24/02/2010 O fundador de Madredeus e Sétima Legião, Rodrigo Leão, presenta A Mâe o sábado 27 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. O concerto pertence ao ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura.

Neste concerto, cancións novas como "Vida tao estranha" comparten protagonismo con vellos coñecidos do seu repertorio, como "La casa", "Voltar" e "Solitude". As entradas están xa á venda en www.caixagalicia.es, no 902 434443 e no despacho de billetes do Auditorio.

A carreira de Rodrigo Leão comezou nos 80, como membro fundador de Madredeus e de Sétima Legião, dous proxectos musicais senlleiros que abandonou cando se atopaban no seu momento de maior popularidade, porque considerou que o seu proxecto individual tiña moito que achegar ao corpus musical do seu país. Con oito álbums de grande éxito ás súas costas, as súas cancións forman xa parte da memoria colectiva de Portugal e do resto do mundo.

A Mâe é o seu traballo máis introspectivo e nostálxico. Texturas melancólicas marca da casa arroupan as emocións propias e alleas que o recoñecido compositor portugués foi recollendo nas súas viaxes polo mundo, coas que tece melodías nas que mestura unha certa sensibilidade pop ancorada nas intervencións de Stuart Staples, dos Tindersticks, e de Neil Hannon, de The Divine Comedy, coa exquisita sofisticación nos arranxos que caracteriza os traballos de Leão e que nesta ocasión acadan unha nova dimensión grazas á colaboración da Sinfonieta de Lisboa. Ao vivo, A Mâe susténtase no talento do Cinema Ensemble, a banda que acompaña a Rodrigo Leão e que participa con forza neste concerto.

Direccións relacionadas



Compartir: