MOCIDADE

Ábrese o prazo para a inscrición no programa "Vivir o mundo, vivir Europa"

15/03/2005 Catorce rapaces empadroados no Concello de Santiago poderán beneficiarse deste programa, que contempla unha viaxe a Bruselas durante tres días con visitas guiadas ás institucións europeas.

Ábrese o prazo para inscribirse no programa "Vivir o mundo: vivir Europa" que a Deputación de A Coruña convoca para os nenos de 12 a 14 anos desta provincia.

Este programa céntrase nunha visita guiada a Bruselas no mes de abril, na que monitores especializados amosarán aos rapaces as sedes das institucións europeas, así como as accións e decisións que se toman desde alí, explicando de xeito didáctico o papel que xogan (Parlamento europeo, Sede da Institución, etc.).

Complementariamente os cativos realizarán un percorrido pola cidade de Bruxelas, visitando lugares de interese histórico-artístico. Tamén se fará unha viaxe a algunha das cidades históricas do seu entorno (Bruxas, Gante) e visitas guiadas a lugares de interese en Bélxica.

As actividades incluídas no programa son gratuítas, pero os participantes deberán pagar unha cota previa de inscrición de 60 euros.

Solicitudes

Os rapaces empadroados no concello de Santiago que queiran participar neste programa poden deixar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende nº 4 – baixo), en horario de 9 a 14 horas. O prazo remata o 28 de marzo de 2005.

Inicialmente o número de prazas adxudicadas ao Concello de Santiago é de 14. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, celebrarase un sorteo público para seleccionar aos participantes.

Concurso de debuxo e pintura

Por outra banda, a Deputación de A Coruña vén de convocar un concurso de pintura e debuxo dirixido a todos os escolares da provincia con idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos.

Baixo o nome de "¿Qué é Europa para ti?", establécense dúas modalidades de premios: para traballos individuais de escolares e para traballos colectivos de aulas.

Os traballos deberán remitirse antes do 30 de abril de 2005 á Sección de Cultura e Deportes da Deputación de A Coruña (Avda. Alférez Provisional, s/n. 15006 A Coruña).

Compartir: