TURISMO

O Fórum Viño protagonizou a segunda xornada do congreso profesional do Fórum

23/02/2010 O Fórum Vino foi o protagonista da segunda xornada do congreso profesional do Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico, que se celebra en Santiago de Compostela. O mércores 24, ás 20:00 horas, o Fórum pechará as súas portas.

Tras o paso de Ferran Adrià polo Fórum Gastronómico Santiago 2010, As Cociñas do Atlántico o día anterior, continuaron as sesións do congreso en Santiago de Compostela. O espazo feiral, que conta con máis de 120 stands das mellores empresas do sector enogastronómico, mantense aberto ao público en horario de 10:00 a 20:00 horas.

O martes foi o día do Fórum Viño, espazo de negocio, de conversación e demostracións arredor do viño como inspiración na cociña e a cociña ao servizo do viño. Os asistentes puideron gozar de sesións únicas da man dos galegos Antonio Portela e Xoán e Xosé Cannas e o xerezano Jesús Barquín. A figura da xornada foi Josep Roca, do Celler de Can Roca, un tres estrelas da enoloxía. Tamén tivo lugar un Diálogo sobre viños e gastronomía coa xornalista gastronómica Alice Feiring, Ignacio de Miguel, Cristina Alcalá e César Ruíz.

As sesións temáticas complementáronse co Mercado do Viño, no que profesionais do sector puideron achegarse e degustar viños dalgunhas das mellores adegas dos países atlánticos.

Ademais, continuaron as sesións de cociña en directo con obradoiros como o de Alex Atala sobre alta cociña brasileira, Marcos e Pedro Morán sobre cociña asturiana ou Josean Alija, Eneko Atxa e Mariano Gómez sobre cociña vasca. A cociña galega estivo presente grazas a Marcelo Tejedor, que xunto a Eduardo Míguez, ofreceu un obradoiro centrado na pescada de Celeiro, e a sesión sobre tenreira ecolóxica de Héctor López e José Luís Vaz. Completaron a xornada Bart de Pooter, Jakob Mielcke e Nicolas Magie.

Joan Roca clausura o Fórum Gastronómico Santiago 2010
O mércores 24 celébrase a última xornada do Fórum Gastronómico no Recinto Feiral de Santiago, en Amio. Feira e congreso pecharán as súas portas ás 20:00 horas, pero antes poderase gozar de novas sesións e obradoiros de cociña en directo. De Xapón a Galicia, pasando por Bretaña, Portugal ou Francia; Sotohiro Kosugi, Pepe Solla, Jean Marie Baudic, Vitor Matos, Bento Amaral e Pierre Gagnaire, entre outros, porán os seus coñecementos e as súas cociñas á vista dos asistentes.

Documentos relacionados



Compartir: