ALCALDÍA

A Catedral iluminouse para erradicar a polio

23/02/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto celebrado na praza do Obradoiro polo Club Rotary Internacional para celebrar o Día Mundial da Paz. A Catedral iluminouse cunha mensaxe reivindicando a eliminación da polio, ao tempo que este mesmo lema se iluminaba na pirámide de Kefrén (Exipto), no edificio Wrigley de Chicago (EE.UU), no Obelisco de Bos Aires (Arxentina) ou na presa do lago de Maratón (Grecia).

"Poñamos fin á polio" é o lema co que o Club Rotary Internacional demanda a erradicación da enfermidade da poliomielite. Estas palabras brillarán durante toda a semana en lugares emblemáticos de países dos cinco continentes. A Catedral compostelá foi escollida entre estes lugares por ser lugar de peregrinación mundial, especialmente neste ano en que se celebra o Xacobeo.

En España, uníronse tamén a esta campaña persoas coñecidas da televisión, o cine, o deporte ou a música. Poñen voz e apoian esta mensaxe de erradicación da polio o seleccionador nacional de fútbol, Vicente del Bosque; a princesa Alexia de Grecia; a cantante Rosana, o tenista David Ferrer; xornalistas como Juan Ramón Lucas, Melchor Miralles ou J.J. Santos (que sufriu de neno a polio; ou o actor Santi Millán, entre outros.

Ademais da mensaxe nos edificios e da campaña nos medios de comunicación, os clubs rotarios de todo o mundo planificaron diversas accións para sensibilizar á opinión pública sobre a necesidade de concienciarnos todos para erradicar a polio. Entre as actividades figura a recollida de donativos e axudas.

Dúas décadas de avances
A erradicación de la poliomielite é a máxima prioridade de Rotary dende hai máis de dúas décadas. Esta organización impulsou e activou a Iniciativa de Erradicación Mundial da Poliomielite, xunto coa Organización Mundial da Saúde, os Centros de EE.UU para o Control e Prevención e UNICEF.

Durante este tempo houbo grandes avances e la incidencia da infección polo virus da polio caeu dende os 350.000 casos en 1988 a menos de 2.000 durante o ano 2009. Máis de dous millóns de nenos foron inmunizados en 122 países. Logrouse a prevención de cinco millóns de casos de parálise e de 250.000 mortes infantís. Os socios e membros dos clubs rotarios en todo o mundo contribuíron xa con máis de 900 millóns de dólares a esta causa.

Compartir: