XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a redacción de tres novos proxectos do Fondo Estatal para a Sostibilidade Local

23/02/2010 A Xunta de Goberno adxudicou os contratos para a redacción do proxecto e a dirección facultativa de varias das obras das incluídas no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. Tamén se determinou a dirección facultativa e de seguridade das obras nos accesos á cidade.

En canto ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local, adxudicouse a redacción do proxecto e a dirección facultativa da construcción de pistas de tenis e pádel en Sar (20.868 e 16.685 euros, respectivamente), da rehabilitación do Local das Avoas e do Centro Sociocultural de Pontepedriña (9.865 e 5.794 euros) e do proxecto de renovación das redes de auga e alumeado na rúa Torreira, no Romaño (13.920 e 8.117 euros). Ademais, adxudicáronse o contrato de obra menor da renovación das instalacións de alumeado no cuartel da Policía Local (45.507 euros) e a dirección facultativa da construción do campo de fútbol en Villestro (20.370 euros).

Respecto a esta última obra de Villestro, designouse definitivamente a empresa que redactará o proxecto, por importe de 33.298 euros. Tamén de xeito definitivo, adxudicouse o servizo de redacción do proxecto básico, proxecto de execución con instalacións e proxecto de seguridade e saúde para a construción do centro sociocultural de Santa Marta, cun custo de 51.156 euros.

No ámbito das obras nos accesos á cidade, iniciouse o proceso de contratación da dirección facultativa media e da coordinación de seguridade e saúde da actuación nas rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre, cun tipo de licitación de 55.018 euros. A propósito desta mesma obra, adxudicouse provisionalmente a dirección facultativa por 48.000 euros.

No caso da reurbanización de Rosalía de Castro, dende Romero Donallo a Vota do Castro, tamén se iniciou a contratación da dirección facultativa media e da coordinación de seguridade e saúde, por 43.172 euros. A adxudicación provisional da dirección facultativa realizouse por 42.000 euros.

Tamén en materia viaria acordouse o prego de cláusulas administrativas e iniciar un novo expediente de contratación do reforzo do firme das vías públicas municipais en 2010. O tipo de licitación fixado é de 948.275 euros.

Respecto a outra rúa, a calzada de Sar, aprobouse o proxecto modificado de restauración da antiga calzada de Sar, que detalla construtivamente os extremos da calzada no seu contacto co cruceiro de Sar. Incorpórase así ao proxecto xa presentado polo Consorcio.

Igualmente a proposta do concelleiro de Infraestruturas, adxudicouse o contrato de redacción do proxecto básico e a dirección facultativa das obras para a adecuación do aparcadoiro público en Salgueiriños, por 16.513 euros. Finalmente, determinouse o contrato para retirada do transformador de enerxía eléctrica na rúa San Clemente. Os traballos terán un custo de 205.181 euros.

Educación
No ámbito educativo, adxudicáronse provisionalmente as obras de reforma interior da Escola Infantil de Tras Parlamento (parque da Constitución), por importe de 263.000 euros. Esta gardería estará lista para o curso 2010-2011 e será a sétima pública da cidade.

Outra infraestrutura educativa, a Escola Municipal de Música, xa ten asignada a empresa que se encargará da súa xestión. O contrato adxudicouse provisionalmente por un importe de 207.905 euros.

Ademais, acordouse iniciar, por 98.962 euros, o expediente de adecuación da Ludoteca de Fontiñas, cara a súa posta en marcha. As obras teñen que ver con pequenos detalles de acondicionamento interior da instalación.

Urbana Santiago Norte
Outro dos acordos do Goberno local foi a designación dos membros do órgano de participación cidadá do proxecto Urbana Santiago Norte, en representación das asociacións veciñais e demais axentes sociais dos barrios da zona norte de Santiago. As entidades representadas serán: Asociación de Veciños "A Xuntanza", Asociación de Veciños "Ponte do Romaño-San Xoán de Afora", UGT-Compostela, Confederación Intersindical Galega, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e Asociación Plataforma polo Emprego. Tamén se aprobaron as normas que rexerán o funcionamento e acordouse celebrar a asemblea constituínte.

Persoal
Finalmente, en materia de persoal, aprobáronse as modificacións da estrutura organizativa e relación de postos de traballo para adaptala ao contido do cadro de persoal para 2009 e ás previsións que contén o acordo regulador-convenio colectivo das condicións de traballo do persoal ao servizo do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: