BENESTAR SOCIAL

Nace a páxina web Compostela Integra, un espazo de encontro virtual para os profesionais da acción social

22/02/2010 Unha nova web, Compostela Integra, creada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, servirá de punto de encontro e relación dos diferentes profesionais que traballan na área de acción social do Concello de Santiago. Será tanto unha ferramenta de traballo interno entre os compoñentes das distintas redes como unha ponte de comunicación cara o exterior, para informar aos cidadáns sobre as accións que se realizan.

Compostela Integra foi presentada pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, quen destacou a importancia do traballo en rede no eido da acción social, unha materia na que o Concello leva traballando dende hai anos. Esta nova web é un paso adiante neste sentido, cunha ferramenta informática que axudará a manter vivas e a facer visibles as intervencións que desenvolven as entidades e profesionais deste ámbito.

Mar Martín explicou que a nova web pretende converter as novas tecnoloxías nun instrumento de traballo conxunto entre os diferentes técnicos das entidades e organizacións participantes. Ademais, quere xerarse un marco de prevención, de participación e de intervención no seo da propia comunidade, que á súa vez fará rendibles os recursos da mesma.

Compostela Integra estrutúrase en dous espazos diferenciados: a páxina web de acceso libre a todos os cidadáns e a intranet de uso exclusivo para os profesionais que forman parte de cada unha das redes. Segundo indicou a coordinadora desta iniciativa, Ana Caamaño, a páxina web describe a mesma e tamén ofrece un espazo para a visualización de novas e da axenda de eventos.

Outro dos apartados fundamentais e a información sobre as redes e entidades que integran a Rede de Inserción Sociolaboral, cunha ficha detallada de cada unha delas, na que se inclúe a forma de contacto coa mesma, documentación e ligazóns relacionadas.

Xa a nivel interno, a área privada servirá como ferramenta de comunicación e administración entre as entidades, na que os membros poden manter información actualizada sobre as súas actividades e programación. As entidades poderán achegar material documental diverso e xerar foros de discusión vinculados a temas e actividades programadas.

Rede de Inserción Laboral
A Intranet conta con varios entornos de traballo en función das necesidades de cada grupo. A primeira das redes de traballo que forma parte de Compostela Integra é a Rede de Inserción Sociolaboral. Está previsto que proximamente se incorporen outras redes á iniciativa.

Esta Rede de Inserción Laboral está formada polas diferentes organizacións e entidades de iniciativa social da cidade que desenvolven un traballo vinculado á inserción social e laboral de colectivos en risco de exclusión social. A relación de integrantes é a seguinte: Equipo de Inclusión Social, Unidade Técnica de Migracións e Inmigracións (UAMI) e Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), da Concellería Benestar Social; Concellería de Igualdade; Cáritas Diocesana; Cáritas Interparroquial; Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); Cruz Vermella; Down Compostela; Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA FEAPS GALICIA); Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG); Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES); Asociación para o Emprego e a Formación de Persoas con Discapacidade (FSC INSERTA); Fundación Secretariado Xitano; Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (IGAXES 3); Plataforma polo Emprego; e Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP GALICIA). Mar Martín apuntou que se pretende que tamén se integren outros colectivos, como o voluntariado, as asociacións sociosanitarias e os grupos sociocomunitarios, coma o que traballa en Fontiñas.

Documentos relacionados



Compartir: