EIXO ATLÁNTICO

O Goberno portugués mantén o seu compromiso co AVE Porto-Vigo

18/11/2005 O ministro das Obras Públicas, Transportes e Comunicacións, Mario Lino Soares Correia, e a secretaria de Estado dos Transportes, Ana Paula Vitorino, ratificaron publicamente en Lisboa o xoves 17 de novembro, que o Goberno de Portugal manterá o plan de liñas prioritarias de alta velocidade que foi aprobado no cumio ibérico de Figueira da Foz e ratificado no cumio de Santiago de Compostela, e que inclúe o tramo Porto-Vigo. As declaracións foron realizadas tras a reunión mantida durante dúas horas por ambos políticos cos titulares do Eixo Atlántico do Nordeste Peninsular.

O presidente do Eixo, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo; o vicepresidente, Antonio Magalhaes e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, reuníronse a primeiras horas da tarde deste xoves coa secretaria de Estado dos Transportes e a súa equipa para posteriormente manter unha reunión conxunta co ministro das Obras Públicas de Portugal e a secretaria de Estado dos Transportes no Palacio de Penafiel de Lisboa.

Ao final da mesma, Sánchez Bugallo manifestou en roda de prensa coa secretaria de Estado que estaba moi satisfeito da reunión e optimista en canto aos resultados.
Pola súa banda, Ana Paula Vitorino declaró en la rueda de declarou que o citado plan de liñas prioritarias de alta velocidade "non está posto en cuestión". O ministro confirmou así mesmo que esta información xa foi dada onte por el no Parlamento portugués, e esta mañá transmitiuna aos medios de comunicación lusos durante un encontro co ministro de Portugal, José Sócrates. O referido plan integra as liñas Lisboa-Madrid, Lisboa-Porto e Porto-Vigo.

Os representantes do Goberno portugués manifestaron igualmente que a situación financeira de Portugal suxire revisar os prazos sen que haxa ningunha decisión tomada nestes momentos.

Na reunión estiveron analizando en detalle os elementos e propostas que os dirixentes do Eixo Atlántico achegaron e que son os mesmos que se lle transmitiron a semana pasada ao presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. En todo caso, por respecto ás decisións que anuncien mañá durante o cumio ibérico os primeiros ministros, así como as declaracións que efectúe o presidente da Xunta, os titulares do Eixo Atlántico non fixeron públicos os pormenores da reunión.

Compartir: