ALCALDÍA

Os 33 proxectos do FEIL permitiron dar emprego a case 900 persoas

19/02/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, inauguraron as reurbanizacións acometidas con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL) nas rúas Gómez Ulla, Pérez Constanti, Neira de Mosquera, Laverde Ruiz, Santiago de Guayaquil e Curros Enríquez. Nas obras destas seis rúas investíronse 2,4 millóns de euros dos 16,5 que lle corresponderon á cidade.

As actuacións nestas seis rúas do denominado Ensanche vello supuxeron a renovación das redes de abastecemento de auga e saneamento de fecais e pluviais, a canalización soterrada de telecomunicacións e instalacións del alumeado e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais, renováronse completamente as beirarrúas, habilitáronse infraestruturas baixo terra para a recollida selectiva de residuos, acondicionáronse áreas de estacionamento e zonas de carga e descarga e instalouse novo mobiliario e arborado, entre outras melloras.

En total, o FEIL 2009, xestionado polo Ministerio de Política Territorial, permitiu facer realidade na cidade 33 proxectos, que supuxeron a creación de 891 postos de traballo e unha inversión total de 16.585.924 euros.

Novo Fondo
Santiago continuará beneficiándose de inversións estatais durante o 2010. Así, o Concello recibirá 10.198.740 euros do novo Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. Presentáronse 39 proxectos a este segundo programa, dos cales 34 son de investimento, por un importe de 9.562.834,09 euros; e os cinco restantes están vinculados con gastos correntes, actividades e programas de servizos sociais.

Os 34 proxectos de investimento permitirán dar emprego a 261 persoas, mentres que os 5 proxectos de gasto social beneficiarán a 47.644 habitantes da cidade. 10 dos 34 proxectos de investimento presentados polo Concello xa obtiveron o visto bo do Ministerio de Política Territorial para a súa execución.

Compartir: