TURISMO

Todo preparado en Amio para o Fórum Gastronómico Santiago 2010

19/02/2010 Tras o seu inicio o sábado 20 en espazos monumentais de Compostela, o Fórum Gastronómico Santiago 2010 trasladarase ao Recinto Feiral de Santiago, en Amio. Alí está todo preparado para que entre o domingo 21 e o mércores 24 de febreiro se desenvolva o congreso de cociña decano en Europa.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e os directores do Fórum Gastronómico, Pep Palau e Jaume von Arend, acompañaron aos medios de comunicación nunha visita ao Recinto Feiral de Amio, que entre o 21 e o 24 de febreiro acollerá o Fórum Gastronómico Santiago’10.

Tras o éxito obtido en 2008, con máis de 15.000 visitantes e máis de 150 firmas presentes na feira, nesta edición o Fórum medra e trasládase ao Recinto Feiral de Santiago, en Amio. Un espazo diáfano de 6.000 metros cadrados que permitiu deseñar unha feira cómoda para visitantes, expositores e congresistas. 4.000 metros cadrados dedícanse a espazo expositivo, que se atopa adxudicado ao 100% desde hai xa un mes. Alí estarán presentes máis de 200 empresas, na súa maior parte, a través de 120 expositores.

Nos restantes 2.000 metros cadrados construíuse a área de actividades, que conta entre as súas instalacións cun Auditorio con capacidade para 400 persoas, dous talleres (Aula Álvaro Cunqueiro e Picadillo) con instalacións de cociña industrial para cata de produto cociñado, unha sala Ateneo para catas e degustacións, varias salas polivalentes e unha sala de prensa.

Compartir: