BENESTAR SOCIAL

A Gala da Diversidade chama a atención sobre os trastornos alimentarios

18/02/2010 A Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), celebra o cuarto festival solidario para chamar a atención sobre os trastornos alimentarios. A Gala da Diversidade contará un ano máis coa colaboración desinteresada de diversos artistas, que porán o seu gran de area para lograr que os cidadáns se achegue ao Teatro Principal o domingo 21 a partir das 16:00 horas.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou esta Gala da Diversidade, acompañada pola presidenta de ABAGAL, María Flora Cajide. Ámbalas dúas destacaron a importancia de concienciar á xente sobre a existencia destes trastornos alimentarios e sobre a rigorosidade con que deben ser tratados.

Mar Martín referiuse á transcendencia que ten a diagnose deste problema e ás súas consecuencias para a saúde, en forma de problemas gástricos, renais ou cardíacos. Pola súa parte, a presidenta de ABAGAL ficho un chamamento ás Administracións competentes para traballar tanto no eido do tratamento como da prevención.

A educación e a formación son outros factores nos que se debe incidir, dixo, "para facer fonte ao bombardeo de información que cada día chega dos medios de comunicación e da sociedade en xeral". Neste sentido, denunciou a proliferación nos medios de anuncios de "dietas sen rigor", especialmente antes do verán, momento no que ademais estas dietas coinciden cunha época de ansiedade por mor dos exames.

Colaboración desinteresada de artistas e desfile final
Na Gala participarán desinteresadamente artistas de moi diversas disciplinas: Pedro Brandariz, As pandereteiras de Ardebullo, María do Ceo, Ce Orquestra Pantasma, Roberto Vilar, Gloria Ferreiro e Mela Casal, Ballet Studio Danza, Coro e Rondalla da Compañía de María de Santiago, Andrés G. Pichel e Mago Adry. O evento será presentado por Sevi Martínez e a introdución correrá a cargo do doutor Martínez Olmos (endocrinólogo).

O espectáculo pecharase cun desfile dunhas 25 persoas "de todas as idades e tallas", nenos incluídos, co obxectivo de desmitificar os desfiles habituais. Tamén en relación á Gala, María Flora Cajide tivo palabras críticas para a Sociedad General de Autores y Editores (SGAE), polas "molestias" que está causando ás persoas que a fan posible e que "colaboran dun modo totalmente altruísta".

O prezo da entrada é de 6 euros. As entradas anticipadas están á venda no establecemento Modas Emilio Iglesias, en Frei Rosendo Salvado, 6. Tamén se poden adquirir no Teatro Principal o mesmo día da gala.

Compartir: