XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas

16/02/2010 A Xunta de Goberno aprobou os prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Ademais, aprobouse o convenio co Consorcio que permitirá habilitar como aparcadoiro a explanada de Fontiñas.

O prazo de presentación de solicitudes de renovación e traslado nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas abrirase o 1 de marzo e pecharase o 10 de mesmo mes. Para solicitudes de novo ingreso o prazo será do 15 de marzo ao 15 de abril. En ambos casos, as solicitudes deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello.

No caso das solicitudes de renovación ou traslado, as listas de reservas e vacantes expoñeranse o 12 de marzo nos taboleiros de anuncios do Concello e das escolas. Tras o período de solicitudes de novo ingreso e resoltas as reclamacións, expoñerase a relación definitiva de admitidos e a lista de espera. O prazo de matrícula para todo o alumnado será do 1 ao 15 de xuño.

Estacionamento en Salgueiriños
Por outra parte e tras a súa aprobación pólo Consorcio de Santiago, o Concello tamén ratificou o convenio pólo que o organismo interadministrativo achegará 600.000 euros para o acondicionamento da explanada de Salgueiriños como aparcadoiro. Do mesmo xeito, deuse conta da aceptación por parte da Xunta da cesión temporal dunha parcela da súa titularidade para este fin. A parcela ten uns 10.500 metros cadrados.

Benestar Social
En materia de Benestar Social, aprobáronse axudas de carácter social por un total de 22.588 euros. Ademais, acordouse a provisión dunha praza de psicólogo/a para o Centro de Información ás Mulleres, para levar a cabo diversos programas.

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, adxudicouse o subministro de planta de tempada para os axardinamentos da cidade, por importe de 14.327 euros.

Documentos relacionados



Compartir: