TURISMO

A Novena Gastronómica leva a cociña vangardista do Grupo Nove ás tascas

15/02/2010 O domingo 21 de febreiro, dentro do Fórum Gastronómico Santiago 2010, 18 cociñeiros do Grupo Nove presentarán as súas creacións en nove bares e tascas populares da cidade.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o co-director do Fórum Gastronómico, Pep Palau; e o presidente do Grupo Nove, Antonio Botana, presentaron en rolda de prensa no Concello de Santiago a iniciativa. Grazas a esta Novena Gastronómica, os cociñeiros do Grupo Nove cambian por unha noite as cociñas dos seus restaurantes polas dos bares e tascas de Santiago.

Distribuídos por parellas, 18 dos cociñeiros máis vangardistas de Galicia presentarán a súa particular "posta ao día" da cociña galega en pequeno formato e a un prezo reducido de 2 euros por tapa, que permite que composteláns e visitantes se acheguen á cociña máis actual.

A Novena Gastronómica celébrase o domingo 21. Dende as 20:30 horas, as creacións destes mestres da cociña estarán dispoñibles para ser degustadas. Ás 23:30 horas, a noite culminará cunha festa na Sala Moon para todos os apaixonados da gastronomía galega.

NOVENA GASTRONÓMICA

DATA: Domingo 21 de febreiro.

HORA: de 20.30 a 23.30 horas.

PREZO TAPA: 2 euros.

LUGARES E COCIÑEIROS:

- CENTRAL • Antonio Botana e Yayo Daporta
- LA CAVITA • Beatriz Sotelo e Xoán Manuel Crujeiras
- LA VIURA • Hector López e Javier González
- NEGREIRA "O PATATA" • Xosé Cannas e Javier Olleros
- CATRO • Gonzalo Rei e Rafael Centeno
- PICHO DA CERCA • Iñaqui Bretal e Pablo Romero
- TAPERÍA CASTELAO • Javier Rodríguez "Taky" e Miguel Ángel Campos
- TRÁNSITO DOS GRAMÁTICOS • Eduardo Pardo e Manuel García
- LA BODEGUILLA DE SAN ROQUE • Pepe Solla e Alberto González.

SALA MOON: festa final a partir das 23:30 horas. Entrada libre.

Compartir: