FESTAS

O Meco subirá aos balcóns do Pazo de Bendaña para presidir o Antroido compostelán no seu 25 aniversario

12/02/2010 Cun frío propio do mes do Antroido, Santiago ultima os preparativos para dar comezo ás festas, que arrincan o sábado 13 cun programa de actividades para todos os gustos e públicos. A xornada comezará ás 12:30 horas cos obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras que se desenvolverán na praza do Toural coa axuda de monitores que ensinarán aos rapaces a caracterizarse cunha gama de cores estridentes e purpurinas. Haberá unha nova sesión de maquillaxe a partir das 17:00 horas.

Pero a intensidade da xornada carnavaleira comezará ás 20:00 horas con animación de rúa da man das comparsas típicas compostelás, Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño, que poñerán a música e o baile no Toural para dar a benvida ao Meco. Este ano o monicreque, deseñado coma sempre polo artista José L. Méndez, baséase no tema do frío inverno deste ano que afecta directamente ás colleitas de grelos, e polo tanto, pode chegar a deslucir o cocido do Antroido. "O lema do Meco está representado por medio dunha escuálida manchea de grelos na man esquerda do boneco mentres completa coa dereita un corte de manga; a imaxe dun cristal de xeo, que nos alude ao frío, aparece tamén reflectida na parte inferior da chistera, completando así a alegoría", explica Méndez.

Esta figura elévase sobre un pote do país cheo de cartos, evocando ao banqueiro que, tras ver compensadas as súas perdas por mor da crise con diñeiro público, segue sen prestar cartos. O escultor compostelán rematou o deseño cunha dedicatoria ao propio porquiño do Antroido, que este ano celebra o seu 25 cumpreanos: unha torta enriba da chisteira cunha candea en forma de cartucho de dinamita para esbourar na súa queima o mércores 17.

Unha última alusión á actualidade pon de manifesto a lingua deste Meco, que aparece dividida en tres puntas coas bandeiras de Galicia, España e Reino Unido debuxadas e facendo referencias aos seus respectivos idiomas.

A continuación, sobre as 20:30 horas celebrarase o tradicional pregón que inaugurará oficialmente as festas de Don Carnal. O acto será no Toural e estará protagonizado pola compañía Teatro en Punto, que dará un pregón ático, con forma de espectáculo de rúa onde fomentará a participación do público presente na praza. Estará protagonizado por tres actores da compañía, Gloria Rico, Roberto Leal e Fernando Campo. A continuación, as comparsas A Ruliña de Laraño e Os Conformistas de Conxo continurán animando ao público coas súas sátiras e chirigotas.

Desfile de antroidos e baile polo Ensanche
Para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados poden anotarse no Teatro Principal (Rúa Nova, 21) ata o luns 15 ás 14:00 horas, e así poder optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada, mellor disfraz individual e premio especial á mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago (incompatible cos outros premios).

Compartir: