CULTURA

O saxofonista Lee Konitz, no Auditorio de Galicia

17/11/2005 O venres 18 de novembro no Auditorio de Galicia, inícianse os concertos do Compos Jazz Festival 2005 coa actuación do mítico saxofonista Lee Konitz.

O Compos Jazz Festival 2005 comeza as súas sesións coa actuación de Lee Konitz, acompañado por Mark Ferbert na batería e Mari Ann Mcsweeney no baixo.

No cartel do festival están tamén J. Santandreu Cuarteto o día 19, Telmo Fernández Cuarteto o día 22, e Bill Bruford’s Earthworks o día 27.

Lee Konitz, (Chicago 1927) saxofonista alto, soprano e tenor é un dos discípulos máis dotado e heterodoxo que saíu da escola do gran pianista Lennie Tristano. O seu son foi e é unha voz diferenciada, indispensábel e orixinal para os músicos brancos da Costa Oeste americana e do movemento cool. Gran improvisador, perfeccionista puro, creativo e versátil, Lee Konitz, é hoxe, un dos saxofonistas activos máis importantes do jazz.

Os seus comezos na orquestra de Claude Thornihill, en 1947, xa presaxiaban o gran músico que viría despois. Confirmaríase plenamente cando Miles Davis o chamou para formar o seu celebérrimo Noneto Capitol, co que gravaría o álbum titulado Birth of the Cool en 1949.

Estivo con Miles Davis dous anos, entre 1948 e 1950, e entremedias colaborou co renovado sexteto de Lennie Tristano en 1949. Nos anos cincuenta, outra asociación musical importante marcou a carreira de Lee Konitz; coñeceu ao pianista Warne Marsh e con el, logrou algún dos seus mellores discos. En 1952, enrolouse na orquestra do excelente arranxista e compositor, Stan Kenton, co que estivo ata 1954, e a partir dese ano desenvolveu a súa carreira como líder en solitario. Ten gravado e traballado cos mellores músicos de jazz: Charles Mingus, Michel Petrucciani, Bill Evans, Chick Corea, Gerry Mulligan, Paul Bley, Don Friedman, Joe Henderson ou Elvin Jones.

Lee Konitz toma desde moi axiña certas liberdades cos canons estilísticos do bebop e inventa, tendo como referencia a música de Charlie Parker, un modo de relaxación singularmente máis hábil e complexo que o seguidismo dominante entre os saxofonistas da súa xeración, anticipándose ás vangardas dos 60.

As entradas poñeranse á venda o día 17 de novembro e o mesmo día do concerto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12 a 14 e de 17 a 20 horas. Ambos días e en idéntico horario funcionará o servizo de venda telefónica nos teléfonos 981 571 026 e 981 573 979. O prezo é de 12 euros e de 6 euros para estudantes e xubilados.

Compartir: