CONSORCIO

O director Alasdair Neale e o pianista Dezso Ranki actúan coa Real Filharmonía

11/02/2010 Un dos mellores concertos para piano de Mozart será o protagonista do concerto do Auditorio de Galicia do venres 12 de febreiro. Para a ocasión, o pianista húngaro Dezso Ranki chega a Santiago para interpretar o Concerto para piano núm. 23 de Mozart. Dirixirá como batuta invitada Alasdair Neale, un dos máis coñecidos directores de Norteamérica.

Neale foi director en diferentes orquestras dos USA, como as sinfónicas de Marin e San Francisco ou as formacións Sun Valley Summer e New World. Baixo a súa dirección a San Francisco Symphony Youth Orchestra chegou a ser unha das mellores orquestras de rapaces do mundo, con importantes actuacións en América e Europa. En 1994, dirixiu a Sinfónica de San Francisco na estrea mundial de Colored Field, de Aaron Jay Kernis, obra gravada para Argo/Decca e premiada co "Diapason d‘or". A Liga de Orquestras Americanas nomeouno o Leonard Bernstein americano e dirixiu a Sinfónica de Nova Jersey nun concerto dentro da súa conferencia anual.

O solista
Dezsö Ranki está considerado actualmente como un dos mellores pianistas húngaros e é un recoñecido intérprete do repertorio clásico, especialmente de Mozart e Beethoven. Actúa regularmente nas máis prestixiosas salas de Europa, Xapón e América. Gravou para os selos Teldec, Quint Records e Denon e a súa interpretación dos Estudos op.10 de Chopin foi premiada co Grand Prix da Academia Charles Cross. Ranki tamén actúa en recitais para dous pianos e un piano a catro mans con Edit Klukon.

Concerto en Porto
Ao igual que na pasada temporada, cando se converteu na primeira orquestra española en actuar na Casa da Música, a Real Filharmonía visita o auditorio da cidade portuguesa de Porto. Será o sábado 13 de febreiro ás 18:00 horas, co mesmo programa interpretado no Auditorio de Galicia. Como curiosidade, para asistir ao concerto existe unha modalidade de entrada que inclúe a cea no restaurante da Casa da Música.

Compartir: