CULTURA

Quico Cadaval e Mofa e Befa rescatan ao público da súa ignorancia sobre Shakespeare

11/02/2010 Asasinos, mendigos, bufóns, conspiradores, cornudos, chivatos, oportunistas, chulos, torturadores... estes e outros personaxes de mala fama son os protagonistas da nova montaxe de Mofa e Befa, Shakespeare para ignorantes, dirixida por Quico Cadaval e interpretada por Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e o propio Cadaval. Trátase dunha comedia que utiliza os textos de Shakespeare para indagar nos aspectos menos confesables do ser humano actual.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a obra acompañada de Quico Cadaval e Víctor Mosqueira. Shakespeare para ignorantes poderá verse o venres 12 e o sábado13 ás 21:00 horas no Teatro Principal. Con máis da metade das entradas xa vendidas, a compañía agarda repetir o éxito acadado noutras localidades nas que xa se presentou o espectáculo, como Vigo, Narón e Carballo. Cadaval xustificou este éxito en que a obra ten un título comercial, no que se mestura o nome dun dramaturgo ben coñecido cun concepto, o da ignorancia, que provoca no público unha mestura de atracción e rexeitamento.

Quico Cadaval é dramaturgo, actor e director de escena, ademais de ser un narrador escénicos de prestixio internacional. É responsable dalgunhas das producións teatrais de máis éxito no teatro galego, como Noite de reis (ou O que queirades), co Centro Dramático Galego. Agora volve traballar con Mofa e Befa, dúo cómico con 18 anos de traxectoria marcada pola súa imaxinación lúdica, o sarcasmo, o transformismo e o uso sorprendente dos materiais escénicos e textuais. Seus son espectáculos tan coñecidos como Finis Mundi Circus e Cultura para dar e tomar.

Na súa última proposta, Mofa e Befa recupera un esquema xa empregado en traballos anteriores: situar en escena un discurso pedante co contrapunto especulativo de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A obra constrúese a partir de textos de Shakespeare, empregando algúns dos máis coñecidos, como Macbeth, Ricardo III, O rei Lear, Hamlet, Xulio César, Romeu e Xulieta e Otelo, pero sobre todo outros hoxe case esquecidos: Pericles, príncipe de Tiro, Como gostedes, Cimbelino e Medida por medida. Estas obras serven a Cadaval e Mofa e Befa para poñer en primeiro plano as escenas de Shakespeare máis ignoradas polo público actual, pero que permiten poñer o foco sobre tipos, actitudes e comportamentos propios de hoxe en día.

Quico Cadaval citou o filme Looking for Richard para reivindicar o papel dos actores como os únicos capaces de entender e interpretar a Shakespeare. O espectáculo está concibido como un produto didáctico, no que un prestixioso profesor pronuncia unha conferencia sobre o dramaturgo, e para facela máis amena reclama os servizos de dous actores de gran talento temporalmente desempregados: Mofa e Befa. Eles representarán as escenas máis ignoradas de Shakespeare, que mostran o riso máis cruel, as intimidades máis vergoñentas, os actos máis deshonestos, as vilanías máis astutas e os mecanismos máis ocultos do mal.

As entradas do espectáculo custan entre 3 e 7 euros. As representacións insírense na programación da Rede Gageta de Teatros e Auditorios. A concelleira de Cultura volveu lembrar que o recorte aplicado por Agadic ás axudas á programación de espectáculos desta rede "fai que o Concello de Santiago teña que reducir en 15 obras a súa programación de artes escénicas galegas para este ano, o que reduce as posibilidade do público de ver teatro galego e das compañías de amosar as súas creacións".

Documentos relacionados



Compartir: