COMERCIO

Promoción Económica realizará dous estudos para coñecer as tendencias do comercio

11/02/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a terceira liña de acción do Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, denominada Observatorio Comercial. Consiste na elaboración de dous estudos: o Censo de estabelecementos comerciais e a Diagnose sobre os hábitos de consumo.

O obxectivo destes dous estudos e coñecer a realidade actual e as tendencias do sector. Deste xeito poderanse deseñar políticas adecuadas e efectivas, adaptadas ao novo escenario económico, que permitan fortalecer o comercio compostelá e mellorar aínda máis a súa competitividade.

O censo e a diagnose responden á metodoloxía utilizada sempre pola Concellaría de Promoción Económica no deseño dos seus programas e actuacións. Primeiro realízase unha análise de mercado para coñecer as súas carencias e as súas potencialidades. A continuación, tendo en conta os resultados e as demandas e necesidades detectadas, prográmanse as accións que se desenvolverán.

No ano 2004, a Concellaría de Promoción Económica e Comercio elaborou a Diagnose do sector comercial e a hostelaría, que permitiu deseñar o Plan de Excelencia do Comercio de Compostela. Os datos desta diagnose fóronse actualizando con enquisas como a realizada no marco do Plan de Asesoramento ao Comercio. Agora, cunha conxuntura económica distinta, é necesario dispor dunha nova e completa información para o deseño de futuras actividades dirixidas ao sector, e para ofrecer aos actores vinculados á actividade comercial (asociacións, comercios particulares, administracións de distintos niveis que operan neste ámbito) datos útiles na súa toma de decisións.

Censo de estabelecementos comerciais
O Censo de estabelecementos comerciais do concello de Santiago de Compostela conta cun orzamento de 12.000 euros. Responde á necesidade detectada pola Concellería de documentar a situación real dos locais comerciais que existen no concello, en canto a súa ocupación e uso que se lles está a dar. Ao mesmo tempo preténdese dar resposta a cuestións como a evolución no número de establecementos comerciais debido ao actual entorno económico.

Neste estudo está previsto realizar un inventario dos bens inmobles adicados á actividade comercial en Santiago, así como os dispoñibles en aluguer ou venda. Tamén rexistrará as características dos locais comerciais da cidade e o seu uso. Esta información será volcada nunha base de datos fácil de utilizar e de actualizar. O censo recollerá datos como: nome comercial, actividade, localización, réxime de propiedade, superficie, antigüidade, número de traballadores ou uso das novas tecnoloxías.

A metodoloxía a empregar para a realización do censo será a observación directa, complementada cunha enquisa presencial por medio dun sistema informático que permite, nun só paso, a recollida e codificación da información relativa ás características dos estabelecementos en activo. Completarase cunha mostra fotográfica dos comercios. A mostra obxecto de análise para o conxunto do concello é de 3.680 empresas segundo o Censo Nacional de Empresas de Camerdata (o ficheiro de empresas das Cámaras de Comercio). Está previsto que a elaboración deste censo, que realizará a empresa Proxectos, Consultoría e Formación, S.L., comece o 12 de febreiro e remate a finais de abril.

Diagnose sobre os hábitos de consumo
A finalidade da Diagnose sobre os hábitos de consumo do Concello de Santiago de Compostela, que conta cun orzamento de 13.000 euros, é coñecer a evolución e tendencias nas pautas de consumo da clientela do comercio de Compostela. Isto permitirá, tanto ao comercio xa implantado na cidade como aos potenciais estabelecementos, unha mellor orientación da súa oferta cara o público.

A diagnose analizará aspectos como os hábitos de compra (tipo de compra, tempo adicado, tipo de estabelecemento seleccionado); a caracterización da compra por produto (valoraranse cinco grupos: alimentación e bebidas, téxtil e calzado, artigos para fogar e regalos, sanidade e hixiene e perfumaría, e ocio); valoración dos tipos de estabelecementos comerciais; factores que determinan a eleccións dos produtos; compras fóra do concello; e outras formas de venda (catálogo, internet, TV, prensa); recomendacións da clientela cara o comercio; cambios nos hábitos de compra dos últimos anos; e definición do perfil da clientela tipo (idade, sexo, estudos, estrutura familiar, residencia, etc.)

Para elaborar este estudo, a empresa Analiza, Técnicas de Investigación Social S.L. realizará 400 enquisas a persoas residentes en Santiago de Compostela, tomando como base o Censo de poboación do Concello, cun erro de mostraxe do 4,99% e un nivel de confianza do 95,5%. As consultas realizaranse a través dun sistema de enquisas telefónicas asistidas por ordenador. Está previsto que a elaboración comence o 12 de febreiro e remate no mes de maio.

Compartir: