CONSORCIO

O Consorcio de Santiago publica a última edición de "La Casa de la Troya"

10/02/2010 Coeditada con Auga Editora, a nova edición de La Casa de la Troya é a primeira corrixida, actualizada, anotada e ilustrada da súa longa traxectoria. O libro, ilustrado por Suso Cubeiro e con introdución e notas de Mercedes Pacheco, forma parte da Biblioteca Literaria do Consorcio de Santiago.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á presentación da nova edición de La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín, unha das máis célebres novelas de comezos do século XX, ambientada en Santiago de Compostela. Publicada por primeira vez en 1915, con portada de Castelao, a novela foi un éxito, chegando a ser reeditada en trinta ocasións en vida do autor. Despois publicouse en 170 ocasións máis.

Agora, La casa de la Troya volve saír ao mercado anotada e revisada. O prólogo, escrito por Mercedes Pacheco, fai un repaso das características máis salientables dunha obra convertida dende o seu inicio en éxito editorial e adaptada ao cinema en tres ocasións.

Esta nova versión, coeditada polo Consorcio de Santiago e Auga Editora, parte da primeira que publicou a libraría santiaguesa Galí (a número 64), polo que nos atopamos ante a última versión que corrixiu o autor. Trátase, polo tanto, da reimpresión definitiva de Alejandro Pérez Lugín, co texto revisado, corrixido e actualizado, conforme aos criterios ortográficos actuais, respectando, non obstante, os modismos e xiros que o autor quixo reflectir no relato. No que respecta ao galego que o autor utiliza nalgunhas partes, tan só se corrixiu a ortografía, mantendo as expresións e mesmo as interferencias do "castrapo", tal e como as transcribiu Pérez Lugín. A edición inclúe unha serie de notas que axudan á comprensión da historia, tales como aclaracións históricas ou de personaxes reais.

La Casa de la Troya é un clásico da literatura que describe costumes propios da vida santiaguesa de finais do século XIX, en especial do ambiente estudantil. Esta edición, especialmente coidada no seu deseño, conta con ilustracións orixinais de Suso Cubeiro e pretende poñer en valor unha novela célebre e especialmente vinculada á cidade de Santiago.

Compartir: