MULLER

Dezaoito artistas por dezaoito anos de traballo de "Alba"

17/11/2005 A Asociación de Mulleres Progresistas "Alba" inaugurou a mostra colectiva "Dezaoito mulleres compostelanas da arte", nun acto que correu a cargo da presidenta da asociación, Lupe Rodríguez, e do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

"Dezaoito mulleres compostelanas da arte" enmárcase nas "III Xornadas sobre Muller e Igualdade", compendio de actividades organizado pola asociación Alba, que xa comezou o día 1 de novembro, e que rematará o 25.

No presente ano cúmprese o décimo oitavo aniversario da asociación Alba, e para celebralo quixeron achegarse ao mundo da arte coa organización desta exposición e unha serie de charlas sobre o papel da muller no universo da arte.

Tanto a directora da asociación, Lupe Rodríguez, como o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, que falaron na inauguración da exposición, tiveron unha lembranza para as mulleres esquecidas da historia, e tamén para aquelas que foron dando pasos en prol da igualdade de dereitos.

As artistas que participan nesta mostra son, en pintura, Silvia Armesto, Teresa Añón, Maribel dos Anxos, Lola Garcerá Marco, Purificación Gómez Galiñares, Isabel González, Esther Molinero, María Xesús Pascual, Carme Prieto, María Xesús Reboredo, María Estrela Rúa, Cristina Terrón e Carme Sevillano. En escultura, a artista Pepa Mariño; en tapiz, Concepción Pérez; en fotografía, Beatriz Núñez e na modalidade de cerámica, Marisa Fraga.

Compartir: