XUNTA DE GOBERNO

Aprobados xa polo Ministerio de Política Territorial cinco proxectos do Fondo Local

09/02/2010 Cinco das obras presentadas polo Concello para ser financadas polos Fondo Estatal para o Emprego e Sostibilidade Local xa foron aprobadas polo Ministerio de Politica Territorial, segundo anunciou a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde na rolda de prensa de resumo dos acordos da sesión. Nesta reunión do Goberno local aprobáronse asuntos como a adxudicación definitiva do servizo de dinamización dos centros socioculturais ou do servizo de lacería, así como distintas cuestións en materia de benestar social.

Os proxectos xa ratificados polo Goberno central son os seguintes: construción de pistas de tenis e pádel en Sar; construción dun centro sociocultural no barrio de Santa Marta; adecuación, rehabilitación e mellora do Local das Avoas e do Centro Sociocultural de Pontepedriña; proxecto de substitución nos materiais e tecnoloxías na rede da auga e renovación das instalacións de alumeado público na rúa Torreira, no Romaño; e peche do Casco Histórico por un sistema de lector de matrículas.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social, acordouse prorrogar o convenio de cooperación coa Consellería de Sanidade e dar conformidade ao desenvolvemento dos programas e servizos que, en materia de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas, se prevén para 2010. Estes programas enmárcanse no Plan de Galicia sobre Drogas. Neste eido das drogodependencias, autorizouse un gasto de 43.908 euros para os programas de prevención.

Ademais, acordouse solicitar a iniciativa Axuda ás Familias, no marco do programa europeo Gruntvig, de educación permanente de adultos. Pídese a participación nestas accións para os cursos 2010-2011 e 2011-2012. Finalmente, en materia de igualdade, acordouse a provisión dun psicólogo/a para o reforzo dos recursos do Centro de Información ás Mulleres, co obxecto de levar a cabo diversos programas.

Centro de Recollida de Animais
Na sesión da Xunta de Goberno deuse conta da addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello para a ampliación e mellora do centro de recollida de animais. En relación tamén ao Refuxio de Animais, adxudicouse definitivamente o servizo de lacería de recollida de animais abandonados, por un importe de 36.637 euros máis IVE.

Dinamización sociocultural
Outra adxudicación definitiva foi a do contrato de xestión e dinamización sociocultural e comunitaria da rede municipal de centros socioculturais do Concello. O importe é de 767.000 euros.

Premio de Álbums Ilustrados
Finalmente, aprobouse a composición do xurado do III premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados. Ano 2010. O xurado estará presidido polo alcalde e, por delegación, pola concelleira de Educación, e integrado por Xabier Senín, Eduardo Filipe e Gustavo A. Rosemfett "Gusti". Polas entidades convocantes estará o xefe do Departamento de Educación, Xosé M. Rodríguez-Abella e a representante de Kalandraka Manuela Rodríguez.

Documentos relacionados



Compartir: