CULTURA

David Loira abre con "Macho" a programación de 2010 de SCQ Danza

09/02/2010 O Teatro Principal acolle o mércores 10 e o xoves 11 de febreiro a estrea de Macho, a segunda produción do coreógrafo e bailarín David Loira coa súa propia compañía, Dloira. "Trátase dunha obra que traballa as novas linguaxes e emprega as novas tecnoloxías para cuestionar incluso a propia linguaxe da danza mediante a non-acción", expuxo na presentación a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, que estivo acompañada do artista e do director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Macho reflexiona sobre conceptos como a identidade, o respecto, o amor, a dependencia ou a liberdade. David Loira aborda o tema da identidade sexual "a partir dun movemento de flor a través do cal cheguei a un estado de coma". Ese corpo masculino, a medida que se vai escondendo da vida e da morte faise presente e vaise convertendo nunha flor onde entran en dialéctica os sexos feminino e masculino, a acción e a non acción, a vida e a non vida, o soño e a realidade.

Escrito, dirixido e interpretado por David Loira, Macho conta co acompañamento no traballo de escena de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr, plataforma recoñecida internacionalmente como pioneira no emprego e incorporación de tecnoloxía en proxectos de creación. Tamén participa Toni Mira, da Compañía Nats Nus, como asesor artístico. Conforman así mesmo o equipo do proxecto a actriz e bailarina Fiona B. McCudden, Octavio Más na iluminación, Masako Hattori no vídeo, Xacobo Torres na axudantía técnica e Roberto Fratini na asesoría de dramaturxia.

David Loira é un dos creadores máis interesantes xurdidos no fértil panorama da danza contemporánea galega dos últimos anos. Cunha formación académica ampla e diversa, foi cofundador con Rut Balbís da compañía Pisando Ovos, na que codirixiu e bailou tres pezas en diferentes festivais nacionais e internacionais. No verán de 2008 creou a súa propia compañía e estreou a súa primeira produción en solitario, Over the Rainbow.

As funcións de Macho teñen lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal. As entradas teñen un prezo de 7 euros en patio de butacas, platea e primeiro andar, 5 euros no segundo andar e 3 euros no anfiteatro.

Apoio á danza contemporánea galega
Con este espectáculo, a Concellaría de Cultura abre unha nova edición de SCQ Danza, co que Compostela segue a ser o único concello cun ciclo estable de danza contemporánea. "A danza contemporánea é unha disciplina emerxente en Galicia nos últimos catro anos, en boa medida grazas ao apoio do Centro Coreográfico Galego", sinalou Paulo Rodríguez, para explicar que "aínda que non teña un público numeroso, queremos seguir apoiando esta disciplina, polo que mantemos a programación de SCQ Danza".

Socorro García Conde lembrou que este espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios, promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais, e que este organismo vai reducir este ano a súa achega económica a esta rede nun 30%. "Se non se modifican estas condicións, pode ser que este anos pasemos das 35 funcións programas de artes escénicas galegas a só 14 funcións", advertiu a concelleira.

Compartir: