PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os comercios premiados no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico 2010 recibirán unha cea de balde

08/02/2010 A organización do Fórum Gastronómico 2010 premiará aos tres comercios clasificados en primeiro lugar no Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico cunha cea de balde para dúas persoas nalgún dos restaurantes que participan no evento. O martes 9 de febreiro remata o prazo para inscribirse no certame, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

O obxectivo do concurso é contribuír á dinamización e promoción dos comercios da cidade aproveitando a celebración dunha cita internacional que en 2008 recibiu a visita de case 15.000 persoas. Ademais da cea, os tres mellores escaparates recibirán como premio un espazo publicitario na prensa local.

O Concurso de Escaparatismo Fórum Gastronómico 2010 está dirixido a todos os estabelecementos comerciais de Santiago de Compostela, estean ou non relacionados coa alimentación, aínda que se valorará a ambientación de temática gastronómica, xunto a outros factores como a orixinalidade, a eficacia da mensaxe publicitaria e a integración dun mandil do Fórum Gastronómico (que a organización repartirá entre os estabelecementos inscritos) na composición do escaparate.

As bases e o formulario de inscrición pódese consultar e descargar da páxina web de Promoción Económica: www.maiscompostela.org. Os/as comerciantes interesados en participar só teñen que cubrir o formulario que hai ao final das bases e envíalo ao fax 981 542 492. Tamén poden apuntarse enviando un correo electrónico a sae@santiagodecompostela.gal, no que figuren os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos da persoa propietaria, enderezo, teléfono e, se teñen, correo electrónico, fax, e páxina web.

Está previsto que un xurado especializado visite os comercios inscritos entre o 11 e o 16 de febreiro. Segundo especifica nas bases, os comercios deberán manter o escaparate, sexan ou non premiados, ata, cando menos, o 25 de febreiro de 2010. O xurado estará composto por representantes das asociacións do sector comercial da cidade (Agrupación de Comerciantes Acotés, Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro), da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, da organización do Fórum Gastronómico 2010, e por un experto na materia.

Compartir: