MOBILIDADE

Os aparcadoiros públicos conxelan as súas tarifas para este ano 2010

08/02/2010 Os tres aparcadoiros xestionados pola Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) foron utilizados en 2009 por 201.181 vehículos en rotación. Estes tres estacionamentos, os de Xoán XXIII e Belvís e a dársena de autobuses de Xoán XXIII conxelan as súas tarifas cara 2010.

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, anunciou esta conxelación de tarifas, aprobada no consello de administración de TUSSA, e fixo balance dos resultados dos aparcadoiros en 2009. Así, no de Xoán XXIII, o número de vehículos ascendeu ata os 132.048, 2.165 máis que en 2008. Nesta cifra non se inclúen nin os 290 abonados nin as 11 tarxetas aparcafácil nin as tarxetas de pais (215 vehículos do Colexio López Ferreiro e 28 do San Jorge).

Nieves valorou este ascenso no número de usuarios e o bo funcionamento das iniciativas postas en marcha, como as tarxetas aparcafácil, grazas ás cales por cada 60 minutos se regalan outros 10. Tamén tivo boa aceptación o emprego do alcoholímetro (97 usos) e o servizo de bicicleta pública (39 persoas). No caso das tarxetas para pais, cómpre lembrar que estas lles permiten estacionar de balde durante un período de 30 minutos para deixar e recoller os seus fillos).

As tarifas de rotación do aparcadoiro de Xoán XXIII, que serán as mesmas que en 2009, van dende os 0,57 euros da media hora aos 1,15 euros da hora e os 2,31 euros das dúas horas. A tarifa de abonado diúrno permanece en 48 euros e a de nocturno en 36. O bono de 24 horas costa 54 euros e o de moto 40.

Belvís
No estacionamento de Belvís pasouse a 58.973 vehículos en rotación, 3.790 máis que en 2008, seguindo coa tendencia alcista dos últimos tres anos. Tampouco nesta cifra se inclúen as 80 tarxetas aparcafácil, nin os 60 abonados, nin as tarxetas para pais: 294 vehículos no Colexio Compañía de María, 192 no San Francisco Javier, 48 no Dona Enma e 2 no Nosa Sra. dos Remedios. Neste aparcadoiro fixeron uso do servizo de alcoholímetro 107 usuarios.

O custo de media hora no estacionamento de Belvís é de 0,45 euros, polos 0,85 euros da hora completa e os 1,57 euros das dúas horas. O bono diúrno custa 48 euros, o nocturno 31 e o de 24 horas 62 euros. Neste caso tamén hai un bonos de mañá ou de tarde por 37 euros.

Dársena de Xoán XXIII
En canto á dársena de autobuses de Xoán XXIII, o número de vehículos baixou dos 10.913 de 2008 aos 10.160. Carlos Nieves atribuíu esta baixada ao actual contexto económico, pero agarda que neste ano 2010, Ano Santo, se produza un importante incremento no número de autobuses que utilizan este estacionamento.

Compartir: