ALCALDÍA

O alcalde demanda unha conexión por autobús co aeroporto de Lavacolla desvinculada da liña regular

05/02/2010 "O aeroporto de Lavacolla precisa un servizo que non derive da liña entre Santiago e Lugo", defende o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito da demanda dunha mellor conexión por estrada entre o aeródromo e a cidade. Recordou que a actual liña regular é unicamente competencia autonómica e non descartou que a solución se enmarque dentro do Plan de Transporte Comarcal.

Sánchez Bugallo reclamou que "os aeroportos non queden hipotecados por unhas concesións que en moitos casos veñen de cando nin existían os aeroportos", en referencia á intención política de renovar as actuais concesións de transporte por estrada ata o 2022. Por iso pediu que a conexión da cidade co aeroporto "se segregue do servizo regular" que actualmente presta a empresa Freire.

Este tema será plantexado na comisión de seguimento do Plan de Transporte Comarcal que se celebrará o mércores 10. "Non se é fácil de encaixar no Plan", dixo, pero non descartou o alcalde que a solución se enmarque dentro do mesmo. En calquera caso, demandou á Xunta que exerza as súas competencias na materia. Lembrou, a propósito da posible interferencia nas concesións vixentes, que "os autobuses poderían realizar o traxecto sen pasar por un só metro dunha estrada de titularidade da Xunta", xa que transitarían por estradas de titularidade de Fomento (autovía) e do Concello.

Sánchez Bugallo afirmou que falará persoalmente co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para falar deste tema. Considera necesario que o departamento autonómico, que ten a titularidade do recentemente creado Comité de Rutas Aéreas, resolva o problema "das conexións entre si dos aeroportos galegos e de cada aeroporto coa súa respectiva cidade".

Promoción de Santiago e Xacobeo
O rexedor compostelán aproveitou a súa rolda de prensa semanal para falar da reunión mantida co secretario de Estado de Turismo, Joan Mesquida, anunciando unha reunión coa Cámara de Comercio e cos representantes dos hostaleiros "por se se considera necesario poñer algunha persoa nas principais oficinas turísticas de Turespaña". O principal interese municipal é ter representación naqueles lugares cos que Santiago está conectada por vía aérea.

Preguntado pola reunión do luns 1 co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recalcou a "vontade de traballar" para o éxito do Xacobeo 2010. Ademais, confía que na vindeira reunión no mes de marzo se coñezan xa máis detalles do programa, en especial no referente aos eventos previstos no Monte do Gozo.

Compartir: