ALCALDÍA

Compostela conta cun novo referente sociocultural en pleno centro histórico

04/02/2010 Caixanova inaugurou cun multitudinario acto social a súa nova sede en Santiago de Compostela, un espectacular edificio de finais do século XIX, situado na céntrica praza de Cervantes. Converterase a partir de agora nunha referencia sociocultural da cidade e contribuirá a dinamizar o corazón do casco histórico.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto inaugural, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Contou tamén coa presenza do presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, arroupado por unha nutrida representación da sociedade compostelá, a elite empresarial galega e o Gobierno autonómico.

No novo Centro Social Caixanova en Santiago de Compostela terán cabida a asistencia social, a formación, a difusión das novas tecnoloxías, o medio ambiente, o fomento do emprego, a potenciación dos sectores produtivos, así como a arte nas súas diferentes manifestacións, como destacou o presidente da entidade financeira na súa intervención.

O edificio, que foi rehabilitado polo arquitecto compostelán José Luis Pereiro, está estreitamente ligado á historia financeira de Galicia dende a súa construción en 1887, xa que acolleu sucesivamente as sedes da Banca Hijos de Olimpio Pérez, do Banco Gallego e, agora, de Caixanova. As instalacións, que alcanzan os 5.000 metros cadrados, caracterízanse, no seu interior, pola funcionalidade e a presenza de espazos diáfanos e, no seu exterior, pola conservación e o respecto da fachada de 20 metros, coas súas balconadas de ferro, gárgolas de pedra e persianas venecianas, icona da arquitectura civil de finais do século XIX.

Visitas abertas para coñecer as instalacións
A nova infraestrutura sociocultural dispón de tres salas de exposicións, unha sala de conferencias, varias aulas e talleres para a organización de actividades formativas de diversa índole, salas de reunións, unha nova sede da Escola de Negocios Caixanova e do Instituto de Desenvolvemento Caixanova, e un Centro de Información, Asesoramento e Integración Sociolaboral para Inmigrantes.

Co obxectivo de achegar o novo Centro Social a toda a cidadanía, Caixanova preparou un programa de visitas guiadas, de asistencia libre e gratuíta, previa inscrición, que se desenvolverá entre o 5 e o 21 de febreiro. As persoas interesadas poden anotarse por teléfono, no 902 504 500.

Tres exposicións iniciais
O Centro Social Caixanova presenta ao público con tres exposicións. Coincidindo coa celebración do ano xubilar, a entidade financeira quixo sumarse a esta conmemoración e programou unha mostra, que permanecerá na nova sede ata finais de ano, na que o auténtico protagonista é un dos elementos arquitectónicos máis identificativos da Catedral de Santiago, o Pórtico da Gloria.

Por outro lado, e ata o 14 de marzo, Caixanova realizará a súa particular homenaxe a un dos nosos artistas máis internacionais, Luís Seoane. A exposición ‘Razón e compromiso’, que viaxará tras o seu paso por Santiago a outras cidades galegas, ten como obxectivo recordar a Seoane no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento e realizar un completo achegamento á súa obra a través de 45 pezas.

Finalmente, o novo centro albergará a primeira exposición permanente de arte galega en Santiago. No Espazo Colección Caixanova poderase contemplar a evolución dos nosos artistas dende o século XIX ata os nosos días, da man dunha selección de obras que forman parte da pinacoteca de Caixanova, considerada a colección privada de arte galega máis importante do mundo, con máis de 5.000 obras.

A este Centro Social sumará nuns meses un segundo edificio, o Centro Cultural que a entidade está rehabilitando no número 23 do Preguntoiro, no antigo palacio dos Condes de Gimondi.

Compartir: