TURISMO

O Fórum Gastronómico rende homenaxe á historia da gastronomía galega

04/02/2010 O Museo do Pobo Galego albergará a mostra Ao pé do lar, promovida por Turismo de Santiago co patrocinio de Galicia Calidade e coa colaboración especial da Fundación Caixa Galicia. A mostra inaugurarase oficialmente o venres 5 de febreiro, ás 19:30 horas, e poderá verse ata o 7 de marzo.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o xerente de Galicia Calidade, Carlos Vila; o director da Obra Social Caixa Galicia, José Manuel García; o codirector do Fórum Gastronómico, Pep Palau; e o comisario de Ao pé do lar, Manuel Gago, acompañaron aos medios de comunicación nunha visita á mostra, que rende unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega. A través de imaxes, sons, cheiros e sabores, os visitantes poderán descubrir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia, cun programa diverso que inclúe actividades paralelas á propia exposición. Na produción da mostra, que ten por comisario ao profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago, participaron máis de 200 persoas.

Ao pé do lar céntrase na cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e, ao mesmo tempo, como un lugar central da cultura galega. No Museo do Pobo Galego poderanse ver fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais, que permitirán ao visitante pasear pola evolución histórica da gastronomía de Galicia grazas aos retratos de interiores domésticos, realizados polas fotógrafas Maribel Ruiz de Erenchun e Soledad Felloza.

Os visitantes poderán apreciar a diversidade xeográfica e temporal das antigas cociñas, aínda en uso, que son retratadas cos seus propietarios. Ao carón destas imaxes tamén se poderán explorar as achegas culinarias de cada época. A exposición amosa que a gastronomía galega actual é resultado dun complexo e dilatado proceso cultural. Ao finalizar o seu percorrido, os visitantes poderán deixar as súas lembranzas das cociñas da súa vida. Cada semana sortearanse sete packs de Colección Costeira (tres bos viños do Ribeiro) entre todos os participantes deses días.

Pratos con Memoria, unha oportunidade para saborear o pasado.

O programa de Ao pé do lar inclúe entre as súas actividades a chamada "Pratos con Memoria", na que sete restaurantes da cidade durante a duración da exposición terán na súa carta seis receitas antigas recuperadas para a exposición. Estas receitas recuperáronse grazas ao traballo das cociñeiras Erundina Vázquez (Restaurante Ateneo de Piñor) e Inés Abril (Restaurante Maruja Limón), baixo a coordinación do xornalista Miguel Vila.

As receitas que se poderán degustar son: papas pegas, costrada, bertóns, capón con ostras, tortilla ao ron e arroz con lumbrigante. Os restaurantes nos que se poderán tomar estes pratos antigos son: Abastos 2.0, Acio, Calderón, Garum, El Mercadito, De Profundis-Hotel Monumento San Francisco e Pedro Roca. Estes sete restaurantes participaron nun curso de formación específica para preparar estes pratos como se facía antigamente.

As Noites Contadas
A exposición contará cun programa de espectáculos nocturnos, "As Noites Contadas". Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, serán os encargados de recrear para os asistentes o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición no propio Museo do Pobo Galego. O obxectivo é que os asistentes comprendan o contexto cultural vinculado a estes espazos domésticos.

Tamén se desenvolverá o espectáculo "Marcelo Tejedor: comer a vida", na que o propio cociñeiro narrará a partir da súa biografía as grandes transformacións da alimentación e da gastronomía en Galicia nas últimas tres décadas, acompañado do DJ Javier Rial. Cada un destes espectáculos ten un aforo limitado de 30 persoas. Tal é o interese que están a espertar estes espectáculos irrepetibles, que neste momento están xa ocupadas todas as prazas dispoñibles.

Un amplo programa didáctico para escolares
O Fórum Gastronómico ten entre un dos seus obxectivos que os nenos aprendan tamén a gozar da gastronomía e dunha alimentación saudable. Por iso, ademais dos obradoiros para nenos que se desenvolverán o día 20 no Fórum Cidade e o día 21 no propio Recinto Feiral de Amio, dentro do programa de Ao pé do lar hai un importante espazo reservado para que os máis pequenos podan coñecer o pasado gastronómico galego dun xeito divertido.

A partires do asesoramento científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, desenvolverase un programa específico para colexios, que polas mañás disporán de visitas guiadas e espectáculos adaptados ás diferentes idades. O obxectivo é amosarlle aos nenos as características das cociñas e as relacións sociais que nelas se dan, así como amosarlles como se foi formando a actual gastronomía.

O equipo
A exposición está comisariada polo xornalista e profesor da USC Manuel Gago, que conta canda el cun equipo de expertos integrado por Soledad Felloza na coordinación de produción, fotografía e didáctica; o historiador Xavier Castro, encargado dos contidos históricos da exposición; Maribel Ruiz de Erenchun na fotografía; as profesoras Helena Villar e Berta Pérez canda Paula Carballeira no equipo didáctico; e os infografistas Silvia Canabal e Juan Castro na recreación 3D de espazos. En conxunto, colaboraron máis de 200 persoas na produción da exposición.

Compartir: