TURISMO

Turismo de Santiago ingresará na Organización Mundial do Turismo

16/11/2005 A décimo sexta Asemblea Xeral da OMT, que se celebrará en Dakar (Senegal) entre o 25 de novembro e o 2 de decembro, servirá de marco da aprobación do ingreso de Turismo de Santiago como membro afiliado da institución.

A xuntanza, a primeira que se produce no continente africano e a primeira tamén trala conversión da OMT en organismo especializado das Nacións Unidas, prevé a celebración, o día 29 de novembro, da vixésima novena Reunión Xeral dos Membros Afiliados, na que se aprobará a candidatura presentada por Turismo de Santiago.

O concelleiro de Turismo, Francisco Candela, que mantivo unha xuntanza previa con altos executivos da OMT en Londres, recibiu garantías do ingreso da cidade á organización, no que sería un ‘recoñecemento ao papel de Santiago como referente turístico internacional e á súa tarefa de rehabilitación e posta en valor o se casco histórico, así como ao desenvolvemento turístico equilibrado que tantos premios lle outorgou xa á cidade’.

Os responsábeis da OMT tamén destacaron a actitude participativa de Compostela en proxectos de cooperación turística internacional, tanto no eido europeo –a través de programas como Atlante ou a Rede de Cidades de Cine- como noutras iniciativas intercontinentais, entre as que se contan o programa Asia URBS Heritage para a cooperación con Qu Fu ou a iniciativa ‘Cidades Santas’, que reunirá nunha rede turística a Roma, Xerusalén e Santiago.

A presencia na OMT permitirá a Turismo de Santiago ser parte do maior foro mundial do turismo, no que se debaten os grandes temas do sector a nivel internacional e onde están representados 144 países e máis de 300 grandes entidades de todo tipo, como empresas de promoción, compañías aéreas, turoperadores, axentes de viaxes ou cadeas hoteleiras.

Ademais, a empresa municipal de turismo compostelá terá acceso a estudos e publicacións punteiros e á información da OMT sobre tendenzas turísticas e análise de mercados, así como ás xuntanzas para o debate sobre desenvolvemento turístico e xestión de destinos. Non por último, o ingreso servirá para a promoción dos servizos turísticos da capital galega e para o estabelecemento de contactos proveitosos con entidades públicas e privadas para o crecemento do sector en Santiago.

A axenda de actos aos que asistirá Candela en Dakar inclúe un seminario sobre o tema ‘As novas tecnoloxías, instrumento da imaxe turística’, a conferencia ‘A contribución á creación de destinos do futuro’ e dúas mesas redondas: ‘Turismo e redución da pobreza’ e ‘Xestión de crise’.

Compartir: