CULTURA

"Amortal" abre o ciclo Teatro+Danza en Xira

03/02/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a obra que abre a programación de 2010 do ciclo Teatro + Danza en Xira. Trátase de Amortal, unha obra de Ana Martín Puigpelat dirixida por Salvador Bolta e cun reparto formado por Mercedes Castro, Francisco Olmo e Celso López. Pódese ver o mércores 3 e o xoves 4, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

Amortal é unha reflexión sobre o amor que trae á actualidade o eterno conflito co outro. A obra conta cunha protagonista galega, a actriz compostelá Mercedes Castro. Ela define o espectáculo como "unha función de teatro de texto e autor, a esencia do teatro".

Mercedes Castro explicou que a obra naceu cunha serie de propostas escénicas a partir de improvisacións arredor do mundo da parella. A partir das improvisacións actorais, Ana Martín Puigpelat construíu un texto "moi innovador" e "cun gran dominio da linguaxe, unha obra moi suxestiva", defendeu a actriz. A obra trata "o eterno tema do amor, como cando un quere amar non hai nada que se lle poña no camiño", dixo.

Francisco Olmos, outro dos autores protagonistas, explicou que o texto debulla "as dificultades que a convivencia implica para o transcurso do amor". Ambos gabaron o traballo da dramaturga e do equipo, e a propia Ana Martín Puigpelat destacou a calidade da posta en escena levada a cabo por Salvador Bolta e os dous actores e a actriz.

A obra xunta nun mesmo proxecto talentos de diferentes procedencias. A madrileña Ana Martín Puigpelat é poeta ademais de dramaturga. O director, Salvador Bolta, leva case tres décadas dirixindo teatro, nos últimos anos co Centro Dramático Nacional. E tanto Mercedes Castro como Francisco Olmo e Celso López teñen unha traxectoria longa enriba das táboas, con importantes incursións tamén no teatro e no cine.

O director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, salientou que Amortal "é un espectáculo fresco, que se dixire moi ben. Ten unha concepción moi interesante do espectáculo, cunha impronta contemporánea". E como característica máis destacable, apuntou que "trata ao espectador como alguén intelixente".

Compartir: