REHABILITACIÓN

Finalizan os traballos de limpeza e consolidación do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte

03/02/2010 A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira participou nunha visita aos restos arqueolóxicos do Castelo da Rocha, testemuñas dunha das partes máis interesante da Historia medieval de Santiago da que aínda resta moito por coñecer. Dende finais do mes de outubro estiveron a facerse traballos de limpeza e consolidación do xacemento arqueolóxico para que no futuro poda ampliarse o seu estudo.

Olga Pedreira indicou como "a pesares das pésimas condicións metereolóxicas, cumpríronse os obxectivos propostos no proxecto, así agora podemos observar todo o espazo descuberto do castelo limpo e desbrozado, cos sectores da muralla que tiñan algún problema estrutural xa estabilizados.". Engadiu que "estes traballos son imprescindibles para o posterior estudo do xacemento, a exhumación das súas estruturas e restos materiais e a súa posta en valor".

Tamén detallou como foron os traballos desta intervención, apuntando que houbo labores de desbroce e limpeza do xacemento con medios manuais e mecánicos, realizouse unha limpeza manual da cuberta vexetal do interior dos recintos amurallados, identificouse e clasificouse o acopio das escombreiras de pedra, un traballo realizado antes dos labores de restauración e consolidación para despois poder reaproveitar estas pedras na reconstrución". Ademais, dixo, "tívose que cavar unha gabia para a drenaxe do xacemento naquelas zonas onde se estancaba, estacionalmente, gran cantidade de auga". Por último, "consolidáronse as estruturas xa escavadas e, polo tanto, visibles". Todos estes traballos de campo tiveron un custe total de 100.498 euros.

Durante a visita, a concelleira, estivo acompañada pola arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro Landín, así como polo director responsable dos traballos de limpeza, Miguel López Marcos, da empresa Terra Arqueos, e polo presidente da Asociación de Veciños da Rocha Forte, Carlos Delgado.

Un pouco de historia
O Castelo da Rocha foi construído no ano 1240, sendo destruído, por primeira vez, durante as revoltas composteláns contra o Bispo de Landoire. Reconstruído no ano 1319 foi de novo destruído en 1466, na terceira guerra irmandiña. Esta vez a fortaleza xa non foi reconstruída, servindo a súa pedra para a construción dunha fortaleza no Pico Sacro e dalgunhas casas próximas á actual Rocha Vella.

Pola súa localización, o castelo dominaba a antiga vía Santiago-Padrón e o antigo camiño de Noia, é dicir, controlaba todo o tránsito de mercadorías e persoas que entraban e saían de Santiago polo Sur e Suroeste. Ademais desta función de control, e da propiamente residencial, a fortaleza cumpría dous obxectivos defensivos importantes: por unha banda, defendía á cidade das ameazas exteriores e, por outra, defendía os seus donos da propia cidade, xa que en mais duna ocasión os arcebispos tiveron que refuxiarse aquí dos ataques dos seus súbditos. As fontes documentais mais antigas referidas ao Castelo da Rocha describen o asentamento como unha fortaleza rodeada por tres murallas, cunha torre de homenaxe de catro amdares, unha ermida e nove torreóns. O conxunto, delimitado por un foxo, dispoñía, tamén, de "dúas cabas" e unha "mina" que conducía ao río.

Compartir: