XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno ratifica o convenio urbanístico que permitirá a construción do Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural

02/02/2010 Nunha nova xuntanza ordinaria da Xunta de Goberno, ratificouse o convenio urbanístico de obtención de terreos grazas ao cal o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) construirá nas Brañas do Sar o seu Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural.

Este convenio, asinado o 24 de setembro de 2009 permitirá construír nesta parcela un complexo de referencia nacional no ámbito da investigación do patrimonio histórico e da paisaxe cultural O edificio construirase nunha parcela de 5.250 metros cadrados e non ocupará máis de 2.000 metros cadrados. A previsión é que as obras comecen este ano 2010, co obxectivo de que en 2013 o Centro estea funcionando.

Outro dos acordos do Goberno local foi a aprobación da inclusión no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local dun programa marco de dinamización social e comunitaria da Rede de Centros Socioculturais. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde, este proxecto substitúe ao da planta de compostaxe para os restos dos parques, por precisar esta de permisos da Xunta que probablemente non chegarían nos prazos previstos.

En materia de educación, deuse conta dunha terceira addenda ao convenio de cooperación entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello para a creación de tres escolas infantís municipais integradas na rede alega de escolas infantís. Esta achega permite dar continuidade á construción da futura escola do parque da Constitución.

Finalmente, adxudicouse o servizo de conserxería e limpeza en catro instalacións deportivas: campos de fútbol de Santa Isabel e As Cancelas e pavillóns Lorenzo de la Torre e Pontepedriña. O importe de adxudicación é de 17.900 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: