CULTURA

A música e as artes escénicas, protagonistas da programación cultural de febreiro

02/02/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron en rolda de prensa a programación cultural de febreiro en Santiago de Compostela, na que a música e as artes escénicas ocupan un lugar destacado. Estrelas internacionais como Rodrigo Leão, Tzimon Barto e Marc Parrot e creadores galegos como David Loira, Quico Cadaval, Mercedes Castro ou Antía Moure, son algúns dos nomes propios da programación do mes.

O ciclo Sons da Diversidade trae o 27 febreiro a Rodrigo Leão, un dos músicos portugueses máis importantes e con maior proxección internacional das últimas décadas. Antes, o sábado 6, o polifacético artista Marc Parrot ofrecerá no Teatro Principal un concerto moi especial: a revisión dos 50 anos da nova cançó catalá, un movemento musical do que participaron músicos tan importantes como Lluis Llach, Raimon, Serrat ou María del Mar Bonet.

As propostas de música culta pasan polo programa de abono da Real Filharmonía de Galicia, no que a orquestra titular comparte protagonismo con dúas formacións convidadas: a Orquestra Sinfónica de Castela e León, que estará o xoves 4, e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que actúa o xoves 18. Nas actuacións da Filharmonía, destaca a do xoves 18, na que se estreará a obra Noite máis alá da noite (Tres cantos de Antonio Colina), encargada ao compositor galego Juan Vara. O venres 26 terá lugar un concerto didáctico con música en directo para o filme The Kid, de Charles Chaplin. O segundo concerto do ciclo de piano Ángel Brage trae o domingo 21 ao estadounidense Tzimon Barto, que interpretará temas de Haydn, da Silva, Brahms, Ravel e Listz.

Pola súa parte, a Banda Municipal de Música continúa cos seus concertos dominicais, nos que "ofrece un programa cada vez máis variado, no que vai tocando diferentes temas e estilos", destacou Socorro García Conde. Ademais, volverán realizar ensaios abertos os xoves 11 e 25, e este último día farán un ensaio para público adulto ás 19:30 horas no Teatro Principal. Ademais, o mércores 17 ofrecen un concerto especial de Entroido, con alumnado convidado da Escola de Música da Coruña.

Os creadores galegos a escena
En febreiro arrancan as edicións de 2010 de dous programas de artes escénicas: o de Teatro + Danza en Xira e o de SCQ Danza. O primeiro ábrese o 3 e o 4 coa obra Amortal, de Ana María Puigpelat e con dirección de Salva Bolta. Entre os seus protagonistas atópase a actriz compostelá Mercedes Castro. O SCQ Danza ábreo o bailarín e coreógrafo David Loira, que xunto con Fiona B. McCudden pon en escena Macho, o seu primeiro proxecto de produción propia como DLoira. Outra das citas coas táboas deste mes será cunha comedia que revisa a Shakespeare: Quico Cadaval e Mofa e Befa presentan o venres 12 e o sábado 13 Shakespeare para ignorantes, con Cadaval, Evaristo Calvo e Víctor Mosquera no reparto.

No que se refire ás artes visuais, o 28 de febreiro péchase a exposición VI Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Antes, o xoves 11, ábrese na Zona C a exposición Grandes batallas, de Antía Moure.

A programación cinematográfica do mes vén marcada polo ciclo dedicado ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. Do luns 22 ao domingo 28, o Teatro Principal acolle a proxección de 13 filmes rodados en 13 cidades incluídas neste grupo. A cinta que representa a Santiago de Compostela é A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, que se proxectará o venres 26 de febreiro.

Documentos relacionados



Compartir: