TURISMO

Santiago convértese en destino ‘altamente recomendado’ para China

16/11/2005 Turismo de Santiago asinou un convenio coa organización China Business Network, dependente do Ministerio de Turismo Chino, que permitirá que a Cidade do Apóstolo sexa incluída na lista de ‘destinos autorizados’ e recomendada directamente a institucións, empresas de viaxes de negocios e turoperadores nese país.

China Business Network (CBN) é un corsorcio que integra á consultaría oficial de negocios dese país e a China Telecom –a maior organización comercial do Ministerio de Información- para asesorar a empresas e institucións estranxeiras interesadas no emerxente mercado chinés.

O obxectivo da CBN, unha vez que o seu goberno firma tratados de ‘amizade’ con países ou cidades do estranxeiro, é promover o turismo desde China cara eses destinos; propiciar as relacións produtivas entre socios potenciais e proporcionar un acceso efectivo e cómodo para que as institucións e empresas estranxeiras ‘recomendadas’ entren no país asiático.

O interese chinés por Compostela
China, como é sabido, estase a converter no país con maior índice de turismo de alto consumo no exterior. O último informe da Oficina Nacional de Turismo Chinés cifra en 21 millóns o volume de viaxeiros internacionais en 2003, e espera que suba ata 50 millóns en 2008 e incluso aos 100 millóns en pouco máis de 10 anos. Ademais, a oficina estima que o gasto anual dos chineses no estranxeiro supera os 20 billóns de dólares, cunha media de 500 dólares diarios por turista.

Esta bonanza, explica a China Business Network, obedece, por unha parte, á existencia duns 200 millóns de ‘novos ricos’ chineses, que desexan viaxar a ‘destinos autorizados’ para coñecer outras culturas e gañar status social; e por outra, á relaxación das restricións ao turismo ao estranxeiro, especialmente cara a Europa. España, ademais, vese beneficiada pola sinatura dun acordo de colaboración entre os gobernos, que a converte nun ‘punto chave’ dentro do mapa turístico.

Cabe destacar que o turismo internacional chinés ten unha motivación esencialmente cultural, que busca gozar de paisaxes, sitios históricos e tradicións diferentes. Isto fai de Santiago de Compostela, de acordo coa CBN, un ‘destino de gran atractivo para o sector turístico chinés’.

‘A CBN entende que Santiago de Compostela é un destino moi interesante e ofrécelle unha relación de cooperación pola que se compromete a promover á cidade ante o público e sectores relevantes de China como destino recomendado’, expón o documento.

Unha páxina web en chinés
Trala oficialización do acordo, a CBN pon a disposición de Turismo de Santiago un paquete de servizos que se converte ‘na máis efectiva e económica opción para axudar ao destino a atraer visitantes ou socios de negocio desde China’, sinalan.

Con estes fins, a CBN funcionará como un ‘lobby’que contactará e enviará material sobre Compostela a destacadas empresas, decision makers e organizacións turísticas potencialmente interesadas.

Ademais, a CBN redeseñará e traducirá ao chinés a páxina web de Turismo de Santiago, mantendo a identidade corporativa pero adaptando a imaxe e contidos ás características culturais chinesas. Esa versión da páxina www.santiagoturismo.com será accesíbel desde China grazas a un link na páxina web ‘Viaxe ao estranxeiro’, o portal oficial chinés para a información sobre viaxes internacionais e destinos ‘recomendados’.

‘Viaxe ao estranxeiro’, que funciona como unha feira de turismo on-line permanente (a súa versión de demostración en inglés pode verse na web ) introducirá o contacto con Turismo de Santiago como ‘altamente recomendado’. A busca de palabras chave relacionadas co destino verase así mesmo reforzada nos principais buscadores da China Wide Web, para que a web turística compostelá apareza en resposta ás solicitudes de información orixinadas na Rede dese país.

O convenio garante, finalmente, un servizo de asesoramento para atender as consultas específicas que xeren os turistas chineses por correo electrónico ás oficinas de información, e para facilitar as relacións coas axencias e grupos turísticos chineses fora de Rede.

Compartir: