PROMOCIÓN ECONÓMICA

Vinte e catro empresas beneficiáronse das axudas do programa Compostela Activa

01/02/2010 Ata 24 proxectos empresariais, dous máis que en 2008, beneficiáronse da liña de Axudas para a creación de novas empresas do programa Compostela Activa 2009, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, Compostela Activa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago. Para quen ten unha idea de negocio, pero non dispón de medios para materializala, organiza o Concurso de novas ideas empresariais; e para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca esta liña de incentivos.

Á convocatoria Axudas para a creación de novas empresas, que contou cun orzamento de 80.000 euros, presentáronse 28 solicitudes. O obxectivo destas subvencións é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais (os constituídos entre o 1 de outubro de 2008 e o 31 de xullo de 2009), a consolidar os seus negocios. A axuda podía acadar ata o 100% dos gastos subvecionables, é dicir, os considerados como correntes e de primeiro estabelecemento nos seguintes conceptos: existencias iniciais de mercadorías, custes de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de constitución da sociedade. O importe da axuda, ata un máximo de 3.000 euros, non pode ser empregado con outros fins.

Na tramitación da documentación requerida, as persoas interesadas contaron coa colaboración e asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa. Este servizo, ofrecido pola Concellaría de Promoción Económica nas oficinas da Rúa do Hórreo, número 100, ten como obxectivo apoiar a creación e consolidación de empresas poñendo a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

As diferentes etapas
O programa Compostela Activa ten como obxectivo cubrir as diferentes etapas polas que pasa unha persoa emprendedora desde que ten unha idea de negocio ata que crea a súa empresa. Nas últimas cinco edicións beneficiáronse da liña de incentivos 112 empresas. Ademais, dende 2005 foron premiados 28 proxectos, a través do Concurso de novas ideas empresariais.

Ademais, dende o ano 2006, no marco de Compostela Activa, a Concellaría de Promoción Económica organiza a Xornada Emprende en Compostela, co obxectivo de fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Dirixida ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial e/ou as que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa, nas catro edicións que leva desenvolvéndose participaron 1.508 persoas. Só ao último encontro, celebrado o 27 de outubro de 2009 no Pazo de Congresos de Santiago, no que se presentou oficialmente en Galicia a páxina do Ministerio de Traballo, Rede Traball@, asistiron 521 persoas.

Compartir: