TRANSPORTES

Memorias USB e chaveiros para promover o uso do transporte urbano

01/02/2010 A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago (TUSSA), segue coa súa campaña promocional dirixida a fixar a imaxe para o transporte urbano e a promover o seu uso entre os cidadáns. Despois da primeira fase, realizada en decembro, agora chega a segunda, co reparto de chaveiros e memorias USB entre os usuarios.

O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Carlos Nieves, e o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, presentaron esta segunda fase da campaña "Tes máis bus", que se desenvolverá o mércores 3 de febreiro. Así, nas paradas de Virxe da Cerca (praza de Abastos), praza de Galicia, Xeneral Pardiñas e Estación de Autobuses, entregaranse chaveiros co lema da campaña, "+ BUS". Este mesmo día, ata finalizar existencias, os condutores da rede de transporte urbano entregarán unha memoria USB a todas aquelas persoas que adquiran ou recarguen a súa tarxeta.

Cómpre lembrar que e a campaña "Tes máis bus" está destinada prioritariamente á franxa de idade comprendida entre os 30 e os 50 anos. Quérese chegar a aqueles usuarios que dispoñen tanto da capacidade de utilizar o vehículo privado como o autobús urbano, transmitíndolles as vantaxes deste último. A análise dos títulos de transporte reflicte que os principais usuarios son os maiores e de aí a necesidade de incidir noutra franxa poboación.

Entre as mensaxes que se están a transmitir nesta campaña están a do autobús como símbolo de progreso e de mellora da calidade de vida, tanto para os usuarios como para a propia imaxe de cidade global. Os lemas de "Tes máis bus" van encamiñados a unha imaxe de xuventude, globalidade e calidade de vida.

Compartir: