PLENO

O Concello manifesta a súa disposición a colaborar con todas as institucións en prol do éxito do Xacobeo 2010

28/01/2010 A Corporación municipal aprobou por unanimidade unha declaración na que manifesta "o seu interese e desexo porque a celebración do Ano Santo Xubilar 2010 sexa un éxito e, polo tanto, a súa disposición a colaborar con todas as institucións públicas para lograr este obxectivo".

Na declaración afírmase que "o Concello de Santiago e Compostela no seu conxunto, como cidade de acollida e meta do Camiño, estará á altura das súas responsabilidades como impulsora das celebracións do Ano Santo Compostelán. Neste sentido, exprésase o desexo de que "tamén as demais administracións públicas amosen sensibilidade e compromiso co carácter singular de Compostela como destino do Camiño e capital de Galicia".

Decreto sobre a lingua
Outra proposición aprobada foi a presentada polo BNG na que insta á Xunta a "retirar o borrador do novo Decreto sobre o uso das linguas vehiculares no ensino, presentado o 30 de decembro diante da opinión pública".

Na proposta pídese ao Goberno autonómico que "cumpra as obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública, de acordo co artigo 5 do Estatuto de Autonomía". Ademais, encoméndao a "retornar ao consenso político e social que se establece no marco normativo da Lei de Normalización Lingüística e no Decreto 124/2007, consecuencia do Plano de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade das forzas parlamentarias".

Rúa para José Luis Sánchez-Agustino
O alcalde anunciou no Pleno que se proporá unha rúa da cidade para que leve o nome de José Luis Sánchez-Agustino, recentemente falecido. Sánchez Bugallo recordou a súa defensa de Compostela e do Camiño, especialmente como presidente da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

Compartir: