CONDENA

A Corporación condena o atentado contra o catedrático e articulista Roberto Blanco Valdés

28/01/2010 O Goberno Municipal de Santiago de Compostela condena rotundamente o atentado sufrido por Roberto Blanco Valdés e amosa a súa solidariedade con el. Así mesmo, solicita da Delegación do Goberno e das Forzas de Seguridade do Estado o inmediato esclarecemento e detención dos responsables.

Sobre as tres da madrugada pasada, a vivenda do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Blanco Valdés, foi atacada cun artefacto explosivo de fabricación caseira que provocou danos materiais na súa propiedade e na lindeira.

Este non é o primeiro ataque que grupos descoñecidos dirixen contra a devandita vivenda do catedrático e coñecido articulista de opinión. O pasado 1 de novembro localizouse un cóctel molotov lanzado ao xardín que non chegou explotar. O día 10 dese mesmo mes foi queimada unha roda con gasolina contra o valado da casa de Roberto Blanco Valdés, quen denunciou os feitos diante da Policía Nacional, que de inmediato abriu a correspondente investigación para intentar esclarecer os feitos.

No Pleno municipal tamén se aprobou unha declaración unánime de apoio a Roberto Blanco Valdés, así como ao empregado da gasolineira de Xoán Carlos I ferido nun intento de atraco á mesma.

Compartir: