PLENO

Visto bo definitivo á reserva para residentes do 30% das prazas de aparcamento

28/01/2010 O Pleno municipal aprobou por unanimidade a nova Ordenanza reguladora do aparcamento no Concello de Santiago. A norma regula a ORA e os diferentes réximes para a súa correcta utilización, incluíndo a reserva de prazas para os residentes, que se establece nun mínimo do 30%.

Esta ordenanza pretende optimizar o uso racional do aparcamento. Os veciños de Santiago, segundo a súa área de residencia, terán a posibilidade de obter unha tarxeta que lles permitirá o uso de determinado número de prazas reservadas no seu sector correspondente, marcadas en cor verde.

Por razón de domicilio, nas áreas reguladas da ORA e no seu sector correspondente, os vehículos con distintivo abonarán a tarifa establecida para o réxime xeral, pero poderán permanecer estacionados o dobre de tempo, é dicir, 240 minutos., excepto nas zonas de curta duración. Transcorrido este tempo, non poderán aparcar en ningún dos sectores da zona referida ata transcorridas dúas horas. No caso das zonas libres de regulación, os vehículos con distintivo poderán aparcar na súa zona de balde.

Fóra do horario da ORA, as rúas reguladas poderán ser de uso exclusivo dos residentes por razón de domicilio previa obtención do distintivo de aparcamento, que terá carácter gratuíto.

Residente por razón de municipio
Outra novidade é a introdución da figura do residente por razón de municipio, co fin de que os veciños de Santiago teñan prioridade sobre os que non o son, malia non vivir nunha área específica con prazas de aparcamento, como poden ser moitos barrios ou zonas do rural.

Nestas zonas verdes delimitadas, os vehículos con distintivo abonarán a correspondente tarifa, pero tamén podendo quedar estacionados o dobre de tempo, isto é, ata un máximo de 240 minutos (para o resto de condutores o máximo é dúas horas). Tamén neste caso, transcorrido ese tempo, terán que retirar o vehículo, pois un dos obxectivos da ordenanza é garantir a rotación.

Reserva mínima e posibilidade do domicilio profesional
Do total de prazas que resulten da reserva para residentes (un 30%), o 40% será para residentes por municipio e o resto para residentes por razón de domicilio. Tamén se establece a posibilidade da reserva por razón de domicilio profesional para o residente, cando este se acredite debidamente. Pero neste caso, o condutor deberá escoller a zona por domicilio familiar ou por domicilio profesional, nunca as dúas.

Cómpre recordar que a zona ORA funciona de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres e de 8:00 a 14:00 horas os sábados. Os residentes poderían empregar esas prazas reservadas gratuitamente fóra dese horario.

Tarxetas para residentes
A obtención das tarxetas de residentes aparece regulada no capítulo V da ordenanza. Os beneficiarios deberán acreditar en todo caso o seu empadroamento en Santiago, o tipo de propiedade respecto do vehículo ou estar ao corrente de pago dos seus impostos, entre outros requisitos. É compatible o distintivo de residente por razón de municipio co de residente por domicilio, emitíndose neste caso unha única tarxeta.

Poderase conceder un distintivo por persoa e vehículo e un segundo ao cónxuxe, parella de feito ou descendentes que vivan no mesmo domicilio.

Bonificacións nos futuros aparcadoiros públicos
Outra novidade respecto do texto inicial é a posibilidade de incluír bonificacións nos aparcadoiros públicos que se podan construír no futuro. Esta medida tamén se contemplará cando chegue o momento de rescatar as concesións nos estacionamentos xa existentes.

Áreas reservadas
A ordenanza tamén regula as distintas autorizacións para aparcamentos ou as exencións que se formulan aos réximes sinalados. En canto ás áreas reservadas a determinadas persoas ou vehículos, a novidade vén no apartado de persoas con discapacidade, coa esixencia de que o vehículo que faga uso da área reservada leve neste momento á persoa discapacitada.

As actividades diferenciadas, o réxime de infraccións e sancións, a habilitación á Xunta de Goberno Local para modificar horarios e delimitacións de zonas e os anexos coas rúas incluídas en cada zona ORA completan este proxecto de ordenanza.

Nevadas
Por outra parte, a concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria explicou no Pleno, a petición propia, a xestión do Concello durante as nevadas. Despois de facer un relato pormenorizado e por horas dos avisos meteorolóxicos, indicou que o Concello "fixo o que fai sempre que existe unha alerta por baixas temperaturas, xeadas ou neve: establecer un dispositivo que procede a botar sal en vías, estradas, pistas, rúas e beirarrúas da cidade".

Malia este dispositivo, indicou, "nesta ocasión, por primeira vez en moitos anos, as fortes nevadas, extraordinarias en magnitude e dimensión, fixeron posible por primeira vez en moitos anos máquinas quitaneves circulando polo centro da cidade". Recordou que as únicas administracións que posúen estas máquinas son a Xunta e o Ministerio de Fomento e que o Concello as solicitou dende primeira hora da mañá do venres 8, pero que estas administracións tamén as precisaban para as vías da súa titularidade, polo que foron chegando a partir das 10:45 horas.

Lembrou tamén a concelleira o dispositivo municipal posto ao servizo do dispositivo de emerxencia, formado pola Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as empresas concesionarias, e agradeceu o seu traballo. Grazas ao mesmo e ao traballo dos quitaneves, pouco a pouco foi restablecéndose o tráfico e tamén o transporte público. O dispositivo de emerxencia tamén permaneceu activos nas nevadas que se produciron posteriormente, na noite do sábado 9 e na tarde do domingo 10.

Compartir: