TURISMO

Santiago lidera os grupos das Cidades Patrimonio e da España Verde con máis dun millón de pernoctacións en 2009

27/01/2010 O número de pernoctacións en Santiago en 2009 foi de 1.191.928, fronte ás 1.221.502 de 2008, o que supón un crecemento do 6,28%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Con estas cifras, SAntiago é a cidade con maior número de pernoctacións dos grupos de Cidades Patrimonio e da España Verde.

En palabras do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, estes son uns datos "obxectivamente satisfactorios". En especial, destacou que Santiago, en termos absolutos, ten maior número de pernoctacións que outras cidades maiores dos devanditos grupos.

Santiago é a cidade que tivo un maior crecemento porcentual en 2009. A nivel estatal, produciuse unha baixada do 6,6% e e, en Galicia, do 4,45%. Os datos da cidade permiten en boa medida que Galicia no seu conxunto tivera un descenso menor ao do conxunto de España.

Turismo doméstico
O crecemento no número de pernotacións en Santiago apoiouse no turismo doméstico, que alcanzou as 835.582 pernotacións no 2009, fronte ás 758.934 do 2008. Isto supón un crecemento do 10,10%. Pola contra, o turismo internacional descendeu un 1,72%, ata as 362.568 pernotacións. Estes datos apuntan a que nun ano de crise económica internacional cunha clara incidencia no sector turístico, no que a xente fai viaxes máis curtas no espazo e no tempo, Santiago reforzou o seu atrativo no mercado estatal e seguíu sendo competitivo no mercado internacional, especialmente se se ten en conta que as pernotacións internacionais no conxunto do Estado descenderon un 9,1% e en Galicia un 9,89%.

Santiago superou as 100.000 pernoctacións en seis meses do ano, no período entre maio e outubro, e no mes de abril quedouse a menos de 4.000 pernoctacións desta cifra. Os meses máis fortes foron agosto, con 175.566 pernoctacións, e xullo e setembro, con algo máis de 126.000 pernoctacións en ambos casos. Os meses máis frouxos foron os de xaneiro e decembro, no entorno das 60.000 pernoctacións. No ano 2009 só houbo descensos en tres meses, marzo (debido a que Semana Santa no 2008 fora neste mes), maio e decembro.

Maior cota no total do mercado galego
No ano 2009 producíronse en Galicia un total de 7.443.541 pernoctacións, o que significa un descenso do 4,45% respecto das 7.790.366 do ano anterior. Isto significa que Santiago tivo no 2009 un 16% da cota de mercado galego en pernoctacións. Neste ano Santiago aumentou a súa cota en case dous puntos, xa que no 2008 fora do 14,3%. Galicia tivo 6.221.859 pernoctacións de turismo doméstico, un descenso do 3,31% respecto das 6.434.556 do 2009. No conxunto de Galicia houbo 1.221.682 pernoctacións de turismo internacional, un 9,89% menos que as 1.355.810 de hai dous anos. A cota de Santiago no mercado galego en pernoctacións internacionais elevouse ata o 29,7%.

Estes datos teñen que lerse con prudencia, posto que houbo un descenso xeneralizado de prezos nos estabelecementos. O INE non desagrega este descenso por cidades, pero o descenso medio no conxunto do Estado foi do 5,6%. Tamén apuntan claramente o peso fundamental de Compostela como principal destino turístico galego, especialmente no turismo internacional, onde as marcas "Santiago" e "Camiño de Santiago" teñen unha alta capacidade de atracción.

Documentos relacionados



Compartir: