XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba outros 27 proxectos do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local

26/01/2010 A Xunta de Goberno aprobou 27 proxectos que serán financiados a cargo do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local e que remitirán ao Ministerio de Política Territorial con tal fin. Estas actuacións únense ás dez aprobadas na anterior reunión do Goberno local.

Entre as obras aprobadas, destacan pola cantidade e investimento as que teñen que ver con intervencións integrais nas redes de saneamento, abastecemento, alumeado, lixo e mobilidade: rúa Arzúa (Almáciga), rúa López Ferreiro, rúa República do Salvador (tramo Xeneral Pardiñas-Hórreo) e rúa Rei Alvite. Tamén se ampliarán as redes de abastecemento de Lavacolla, A Susana, Marrozos e rúa Ulpiano Villanueva, e construirase a rede de saneamento no Refuxio de Animais.

No eido medioambiental salienta a recuperación da zona verde do contorno do río Corvo, así como a sinalización e supresión de barreiras do sendeiro autoguiado polos parques de Compostela. Nun deses parques, o de Galeras, construirase un espazo multifuncional cuberto para usos socioculturais e deportivos.

As novas tecnoloxías e a busca dunha mellor atención ao cidadán centran outro grupo de proxectos: implantación dun portal de contratación pública electrónica e de servizos de administración electrónica na carpeta cidadá e nas oficinas de atención do Concello. Tamén se aplicarán melloras tecnolóxicas na Casa das Asociacións da Área de Benestar Social e para o desenvolvemento dunha rede especializada de información xuvenil.

A mobilidade e o transporte son obxecto de tres iniciativas: a instalación dunha estación para a recarga de autobuses eléctricos na dársena de Xoán XXIII; a instalación de tres estacións para bicicletas na praza de Vigo, praza Rodrigo de Padrón e avenida Xoán XXIII; e o subministro de 12 postes electrónicos de información en parada para os usuarios do transporte urbano.

En Educación, os investimentos no marco destes fondos destinaranse aos programas de escolas de verán dos colexios López Ferreiro, Fontiñas, Pío XII e Fontiñas; a gastos correntes das escolas infantís de Conxo e Fontiñas e á adecuación e mellora dos centros Arquitecto Casas Novoa, A Sionlla, López, Ferreiro, Vite, Raíña Fabiola, Roxos-Villestro, escolas infantís de Gaioso-Eixo e Rial-Laraño, Monte dos Postes, Pío XII, Escola Infantil Bispo Teodomiro (Marrozos), Apóstolo Santiago, Fontiñas, Lamas de Abade e escolas infantís de Conxo e Fontiñas.

Os 37 proxectos complétanse coa mellora e rehabilitación do pavillón polideportivo Monte dos Postes e cun proxecto de modernización e mellora da xestión e da atención social.

Festas
No ámbito da Concellería de Festas, aprobáronse as bases e o orzamento para as festas do Antroido 2010, que alcanza os 88.118 euros. As festas celebraranse do 13 ao 17 de febreiro e contarán coas habituais actividades desta celebración, coma o desfile do martes de Antroido, os bailes, a queima do Meco e as diversas actividades en rúas e prazas.

Persoal
Entre os acordos tamén figura o Plan de Formación Continua 2010 do Concello, así coma o seu orzamento: 156.416 euros. Este programa inclúe novidades coma os itinerarios formativos ou a creación de grupos de traballo sobre estudos de mobilidade, medio e patrimonio histórico; envellecemento e dependencia, incidencia das políticas públicas e as leis 17/2009 e 25/2009.

Benestar Social
En materia de Benestar Social aprobouse a solicitude de varias axudas á Deputación da Coruña: unha de 45.000 euros, para o programa Acción educativa na rúa (presupostado en 59.299 euros); outra de 5.000 euros para o obradoiro da memoria denominado Mente Activa (6.902 en total); e outra de 38.512 para o programa Compostela corresponsable (cun orzamento total de 39.962 euros).

Circulación Viaria
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a prórroga do contrato de ORA e da grúa. Esténdese por un ano, a contar dende o 1 de febreiro de 2010, nos mesmos termos do contrato inicial.

Urbanismo
Finalmente, a proposta da concelleira de Urbanismo, deuse o visto bo definitivo ao proxecto de urbanización do polígono 4 do Plan parcial de Fontiñas, segundo o documento refundido presentado pola Xunta de Compensación.

Compartir: