EMPREGO

As "Actas das Xornadas técnicas de empresas de inserción laboral" analizan a utilidade destas iniciativas

25/01/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente da Asociación Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, presentaron a publicación Actas das Xornadas técnicas de empresas de inserción laboral. O libro recolle, a través das súas 125 páxinas, as intervencións e conclusións das Xornadas técnicas de empresas de inserción laboral, celebradas o 14 de decembro no Pazo de Exposición e Congresos.

Organizadas pola Concellería de Promoción Económica, a estas xornadas asistiron 130 persoas, entre poñentes, técnicos e profesionais relacionados coa promoción do emprego e a inclusión social chegados de distintas partes de España. As mesmas, igual que a publicación, teñen como obxectivo promover a creación de empresas de inserción laboral.

Este tipo de empresas son organizacións sociais, sen ánimo de lucro, que desenvolven actividades produtivas con funcionamento empresarial. O seu obxectivo é a integración laboral de persoas en situación de exclusión a través dun acompañamento personalizado denominado Itinerario de inserción. Os beneficios obtidos pola actividade empresarial reinvístese no obxecto social da empresa.

Na publicación, da que se editaron 300 exemplares, descríbese a experiencia de distintas empresas de inserción, o marco legal no que se moven, a súa utilidade, e as ferramentas básicas e coñecementos teóricos básicos para por en marcha unha empresa iniciativa deste tipo.

Estrutura
A publicación está dirixida, sobre todo, a técnicos e profesionais relacionados coa promoción do emprego e a inclusión social. Tamén é de gran utilidade para aquelas persoas ou entidades interesadas en por en marcha unha empresa de inserción laboral.

Nunha primeira parte recolle as intervencións das autoridades que participaron na apertura das xornadas por orde de intervención. A continuación están transcritos os relatorios. Recóllense, ademais, as intervencións e conclusións da mesa redonda Experiencias de empresas de inserción no ámbito estatal. A publicación remata coa transcrición dos obradoiros de traballo, nos que participaron 112 persoas.

Pacto Local polo Emprego
Tanto a publicación como a xornada enmárcase no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, que o Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e emprego asinou o 1 de abril coas centrais sindicais, a Asociación de Empresarios do Tambre, a Asociación de Empresarios de Hostalería, a Cámara de Comercio de Santiago, e a Plataforma polo Emprego. Este é o documento marco a través do que se articulan e articularán as políticas de emprego no Concello de Santiago ata o ano 2011.

A través do anterior, (o Plan de Acción Local polo Emprego) en vigor nos anos 2006 e 2007, creáronse un milleiro de empregos na cidade e impartíronse máis de 8.000 horas de formación destinada a persoas desempregadas. Tanto neste pacto como no anterior prestase especial atención aos colectivos máis desfavorecidos: mulleres, mocidade sen emprego anterior, persoas discapacitadas, persoas desempregadas de longa duración, etc.

Compartir: