ALCALDÍA

A nova cartografía do Camiño de Santiago guiará os peregrinos no Xacobeo

23/01/2010 O ministro de Fomento, José Blanco, escolleu o Pazo de Raxoi para presentar a nova colección cartográfica do Camiño de Santiago realizada polo Instituto Geográfico Nacional (IGN). Destinada fundamentalmente aos peregrinos que durante 2010, Ano Xacobeo, pretendan percorrer o Camiño, subministra toda a información necesaria na planificación do percorrido.

José Blanco indicou que este novo instrumento cartográfico nace "para que as persoas que percorran o Camiño o fagan aproveitando ao máximo todas as posibilidades que lles ofrece". "O Camiño está vivo, está vivo e modernízase, adápase aos nosos días", engadiu.

"Con isto, no Camiño de Santiago, só se pode perder o que queira", dixo o ministro, antes de anunciar que tamén se van a realizar mapas temáticos do resto de Camiños. Noutra orde de cousas, referiuse a unha actuación neste caso dirixida aos que chegan a Santiago en tren: a posta en servizo de dúas novas rutas para chegar á cidade dende Xixón e San Sebastián, a través do Transcantábrico.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, agradeceu ao Instituto Geográfico Nacional e ao ministerio a súa sensibilidade co Camiño. Indicou que se trata dun traballo moi minucioso que vai permitir a todos ver e seguir a evolución histórica dos edificios do Camiño.

A compilación de mapas a escala 1:50.000 cartografía o Camiño de Santiago no seu itinerario máis popular, xunto con información temática de monumentos e servizos de utilidade para o peregrino. É unha cartografía útil para cidadáns de diferentes nacionalidades, polo que a lenda foi traducida a inglés, francés, italiano e portugués.

Esta cartografía foi elaborada no novo sistema xeodésico de referencia (ETRS9), vixente en España dende finais de 2007, polo que é compatible cos navegadores GPS (Global Positioning System). Deste xeito, as coordenadas que amosa o navegador son exactamente as mesmas que as indicadas no mapa, estando o usuario perfectamente situado en todo momento.

38 etapas
A colección de mapas divide o percorrido en 38 etapas (un mapa por etapa). Á súa vez, estes mapas están agrupados en 10 follas. Para cada etapa márcase o percorrido e as súas diferentes variantes, incluíndo as alternativas para os que circulen en bicicleta. Tamén para cada etapa achégase información de monumentos ou sitios de interese histórico (coma os inicios e finais de etapa do Codex Calixtinus), mediante símbolos no mapa e unha recensión textual de cada unha das localidades polas que pasa o Camiño.

Para axudar a planificar as xornadas, incorpóranse uns esquemas de cada etapa nos que se rotulan as distancias entre as localidade xunto con símbolos dos servizos de interese para o peregrino: albergues, aloxamentos, tendas de comestibles, restaurantes ou bares, servizos sanitarios, etc. Ademais, inclúense uns moi útiles perfís verticais que, ao presentar distancias e altitudes, dan unha idea das pendentes e de como de esixente é a etapa dende o punto de vista físico.

Plano de Santiago
Na última folla hai unha ortofotografía aérea da cidade de Santiago e un plano rueiro do seu casco histórico, que inclúe tamén información monumental e dalgúns servizos. O peregrino pode así coñecer, en todo momento, a súa localización no punto final da súa peregrinación.

Finalmente, dentro da colección, existe unha folla adicional designada como "Mapa xeral", no que se representa a escala 1:500.000 todo o ámbito xeográfico polo que discorre o Camiño de Santiago. Este mapa diríxese esencialmente a quen desexe percorrelo en coche.

Dispoñible toda a colección ou as follas individuais
As follas da colección están dispoñibles tanto de forma individual (ao prezo de 6 euros), para quen queira realizar só unha parte do Camiño. Os que desexen adquirir toda a colección, agrupada dentro dun estoxo, poderán facelo a un prezo de 42 euros.

O IGN está desenvolvendo tamén a posibilidade de descargar e visualizar esta cartografía dende dispositivos de telefonía móbil. Ademais, xa se está incorporando esta información no navegador cartográfico do IGN-CNIG para a súa presentación tanto en soporte DVD como dende as páxinas web do IGN e do CNIG.

Compartir: