ALCALDÍA

Ponse en marcha o Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas

23/01/2010 O Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas dos Aeroportos da Rede de Aena en Galicia bota a andar tras a sinatura en Santiago do convenio polo se que se crea. Este organismo ten o obxectivo de aunar esforzos para o crecemento do tráfico aéreo en Galicia.

O ministro de Fomento, José Blanco, presidiu no Hostal dos Reis Católicos o acto de sinatura do convenio, que tamén subscribíu, entre outros, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Este Comité de Desenvolvemento de Rutas Aéreas permitirá coordinar actividades e iniciativas dos tres aeroportos galegos no crecemento do tráfico aéreo.

Ademais do ministro e o alcalde, asistiron ao acto de sinatura a secretaria de Estado de Tranportes, Concepción Gutiérrez; o presidente de Aena, Juan Lema; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o alcalde da Coruña, Javier Losada; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; e diversos representantes empresariais e comerciais.

O Comité aunará esforzos das administracións central, autonómica e local para establecer e consolidar novas rutas aéreas nacionais e internacionais. Outro obxectivo é contribuír ao incremento da carga, da pasaxe de negocios e da afluencia de turistas a Galicia. O CDRA actuará como interlocutor único dos sectores afectados polo transporte aéreo ante as administracións publicas.

Compartir: