CULTURA

A Biblioteca Compostela suma catro novos títulos de literatura contemporánea europea

22/01/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, o director de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o director de edicións da editorial, Carlos Lema, presentaron os títulos publicados en 2009 e os vindeiros lanzamentos da Biblioteca Compostela, a colección de literatura contemporánea europea editada por Galaxia co apoio da Concellería.

A fama, de Daniel Kehlmann; Neve, de Orhan Pamuk; Os once, de Pierre Michon; e A rolda nocturna, de Sarah Waters, son os catro libros publicados na colección en 2009. E en 2010 verán a luz novas obras de Anna Gavalda, Kazuo Ishiguro, e Jean-Philippe Touissant.

Socorro García amosou o seu orgullo de que "xa haxa na rúa quince títulos máis estes catro novos da mellor literatura europea contemporánea dentro dunha colección xa consolidada, e con garantías de permanecer no futuro, a pesar dos vaivéns económicos". A concelleira destacou que o compromiso do Concello coa Biblioteca Compostela é "unha aposta pola literatura e tamén polo idioma, que nestes tempos é moi necesaria". Para a edil, esta colección é "unha mostra de que a nosa cultura, lonxe de estar acomplexada ou ensimesmada, dialoga coas outras culturas do mundo".

García Conde destacou que "obras como as publicadas nos permitan ter acceso a eses textos ao mesmo tempo ou incluso antes que noutras linguas". Víctor Freixanes agradeceu á concelleira "a sensibilidade e o compromiso do Concello para continuar con este proxecto", do que dixo que a editorial se sente "moi orgullosa". Para o director de Galaxia, "é unha maneira de utilizar esta porta para a cultura que é Compostela". Carlos Lema destacou desta colección "o xogo de complicidades que nela se dá entre a Concellería, os lectores, os tradutores e os medios de comunicación".

Catro autores, catro culturas
Sobre os libros presentados, Carlos Lema subliñou que se presentaban "catro autores de catro culturas, catro linguas e catro estilos". A fama "é unha historia sobre a maxia de escribir e sobre as identidades", escrita por un autor que xa tivo o favor do público galego con A medición do mundo. O autor francés de culto Pierre Michon presenta Os once, unha obra ambientada na época da Revolución, con altas doses de crítica sobre a literatura e a historia. A Biblioteca Compostela volve publicar unha nova obra do premio Nobel turco Orhan Pamuk, neste caso unha das súas novelas máis recoñecidas, Neve, que el definiu como "novela política".

A cuarta das obras publicadas é A rolda nocturna, de Sarah Waters, unha novela cunha grande acollida en Inglaterra, que fala das repercusións dos bombardeos sobre Londres sobre varios personaxes ao longo do tempo. Esta novela foi a gañadora da edición de 2008 do premio Casino de Santiago. A autora, Sarah Waters, estará o xoves 28 de xaneiro en Santiago para recibir o seu premio. Tamén este mes se dará a coñecer a obra gañadora da edición de 2009 deste certame, no que colaboran a Concellería de Cultura, o Casino de Santiago e a Editorial Galaxia.

Apoio ás letras
A Concellería de Cultura e Centros Socioculturais mantén o seu apoio á creación literaria. O director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, explicou que, malia a crise, "estamos traballando para dar a coñecer o noso acervo literario e lingüístico sen ningún tipo de complexo". Neste sentido, anunciou que se está elaborando un proxecto compartido coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, que se presentará en breve.

Documentos relacionados



Compartir: