CENTROS SOCIOCULTURALES

A alpinista galega Chus Lago, no centro sociocultural das Fontiñas

16/11/2005 A alpinista galega Chus Lago, que conta na súa traxectoria coa primeira ascensión dunha muller española ao Everest sen empregar osíxeno artificial, narrará as súas experiencias na montaña nunha charla organizada polo Club Fontiñas que terá lugar o próximo xoves, 24 de novembro, no centro sociocultural das Fontiñas ás 20 horas(rúa Berlín s/n).

Nada en Vigo, Chus Lago descubría a montaña da man do seu pai con tan só once anos. Con esa idade logrou alcanzar o cumio do Vixiador, e de seguido comezaría a escalar nos Pirineos, nos Andes, en Kenia e no Himalaia. En 1993 participaba na expedición ao pico Lenin de 7.134 m, en Uzbekistán, e catro anos máis tarde, coroaba o seu primeiro "oitomil", o Cho Oyu.

Un dos seus éxitos máis destacados chegaba en 1999, cando se convertía na primeira muller española a e terceira do mundo, en coroar Everest (8.850 metros) sen osíxeno artificial. Un dato que reflicte a súa extraordinaria fortaleza por canto o 90 por cento dos alpinistas nin se plantexan escalar o teito do mundo sen recorrir a asistencia do osíxeno artificial, o que facilita enormemente as ascensións a partir dos 7.000 metros de altura, cando se penetra na denominada "zona da morte" polas consecuencias da falta de osíxeno no corpo humán. Era a súa terceira tentativa neste cumio desde 1992.

Alpinista de carácter solitario, emprendeu unha singular empresa: a conquista do título de "Leopardo das neves" recoñecemento simbólico que acadan os alpinistas que coroan os picos máis altos da antiga Unión Soviética, de extrema dificultade: o Somoni, o Pobeda, o Lenin o Khorzenevskaya (7105 m.) e o Kahn Tengri. De feito Chus Lago e a única muller do mundo viva que ostenta este título, a pesares de estar a punto de perder a vida no Pobeda, de onde poido descender gracias ao seu entrañable amigo de ascensión, o xeorxiano Mereb Khabazi, falecido nun accidente de montaña en xullo deste mesmo ano.

Chus Lago entende o alpinismo como "algo bastante natural": "A algunhas persoas gústanos viaxar, poñernos ao límite, neste caso cun deporte. En realidade é unha forma de vivir". Transmite a súa paixón polo deporte e especialmente polo alpinismo impartindo conferencias, publicando libros e sobre todo escalando. "Everest. Fuera de la Tierra" (Edicións Lea) é o título do seu primeiro libro, publicado no ano 2000 e no que afonda na orixe das súas motivacións como alpinista e aclara distintos aspectos sobre a cima máis emblemática do planeta, o Everest. No 2004 publicou "Una mujer en la cumbre" (Plaza y Janés), onde narra as diferentes experiencias vividas nas súas expedicións.

A súa traxectoria deportiva foi recoñecida con diferentes premios: en 1998 era nomeada mellor deportista do ano polo Concello de Vigo e no 2000 recibía a medalla Castelao. O pasado ano recollía o premio Galicia-Deporte, o Galicia en Feminino e era recoñecida Muller do ano 2004.

Cabe destacar o importante esforzo que hai detrás dos seus éxito. Cada cumio coroado leva consigo moitas horas de duro entrenamento diario: cinco horas de aerobic, dúas horas de tarefas específicas deseñadas polo seu preparador físico, traballo con pesas e carga con mochilas nas costas, entre outras actividades.

Compartir: