PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de Apoio á Empresa de Promoción Económica atendeu 420 consultas en 2009

21/01/2010 O Servizo de Apoio á Empresa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu 420 consultas en 2009, procedentes de 198 usuarios, dos que 103, o 52%, eran mulleres. O SAE pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento, consolidación e crecemento dos seus negocios.

Aproximadamente un 40% das consultas era para demandar informacion sobre subvencións para un proxecto empresarial. Outro 40% solicitou orientación sobre varios aspectos relacionados coa constitución dunha empresa: trámites de constitución, formas xurídicas, asesoramento no Plan de empresa, etc. Un 10% foron consultas xenéricas, orientativas. O 10% restante eran dúbidas acerca dunha convocatoria concreta de axudas, a maioría referidas ao programa de emprendemento Compostela Activa 2009.

O Servizo de Apoio á Empresa está localizado na rúa do Hórreo, número 100. Pódese contactar co SAE a través do teléfono 981 568 752 ou do correo sae@santiagodecompostela.gal. Este servizo cubre as diferentes etapas polas que pasa unha empresa dende que aínda é un proxecto ata que xa está consolidada, coa prestación de servizos de información, orientación e asesoramento, formación, e intermediación laboral. Cada unha destas etapas conta con ferramentas propias e intégrase en programas adaptados ás necesidades que en cada momento presenta a empresa, a persoa emprendedora ou o empresariado.

Hai un Servizo de apoio ao emprendemento, e un programa específico de apoio á creación de empresas, denominado Compostela Activa. Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza o Concurso de novas ideas empresariais. En 2009 contou cun orzamento de 24.000 euros, cos que se premiaron seis proxectos empresariais. Para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca unha liña de incentivos, á que se destinaron 80.000 euros en 2009.

Para as persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que acaban de montar un negocio, organiza a Xornada Emprende en Compostela, na que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Á cuarta edición, celebrada o 27 de outubro no Pazo de Congresos, na que o Ministerio de Traballo presentou oficialmente en Galicia a súa nova páxina web Rede Traball@, asistiron 521 persoas.

Ademais, Promoción Económica participa nos dous viveiros empresariais da cidade. O Concello ten o 49% de Uninova, o viveiro empresarial da Universidade de Santiago, e colabora, xunto á Deputación de A Coruña e a Fundación Caixa Galicia no viveiro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, situado no polígono empresarial da Costa Vella.

No SAE tamén se enmarca o Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores industrial, da construción, e do comercio e a hostalería. 237 persoas beneficiáronse das 26 accións formativas gratuítas (13 presenciais e 13 por teleformación) desenvolvidas en 2009. Cun orzamento de 122.253 euros, Promoción Económica deseñou o Plan de Formación 2009 tendo en conta a difícil coxuntura económica actual, co obxectivo de que as persoas beneficiarias aumentasen a súa capacitación profesional mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos para amplíar as súas expectativas de inserción laboral, mellorando así a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

Compartir: