ALCALDÍA

O alcalde transmite a "indignación" da cidadanía de Compostela pola promoción do Xacobeo 2010

20/01/2010 A promoción e a programación do Xacobeo 2010 por parte da Xunta de Galicia suscita "preocupación e indignación", en palabras do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras a xuntanza mantida cos presidentes de diferentes entidades cidadás para falar deste tema.

Sánchez Bugallo, franqueado polos representantes das diferentes entidades cidadás, volveu lamentar o esquecemento de Santiago e do Camiño de Santiago na promoción exterior do Xacobeo 2010, "algo que non sucede nas outras comunidades autónomas". Indicou que esta preocupación é "o sentir unánime do conxunto da cidadanía", polo que, de non solucionarse, "faremos patente a nosa disconformidade e protesta ao longo do Ano Santo".

Con todo, afirmou o alcalde, "a nosa vontade é a de buscar solucións positivas e razoables, malia o tempo perdido". Así llo transmitirá ao conselleiro de Cultura, Roberto Varela, na reunión que teñen previsto manter na Feira Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid. Este chamou a Sánchez Bugallo para facerlle saber o seu interese en resolver este tema. "Estamos dispostos a escoitar os seus argumentos", apuntou, deixando claro que "non temos nada en contra de ninguén e só queremos que o Xacobeo sexa un éxito para a Xunta, para Santiago e para Galicia".

Man tendida
"Non queremos ningún conflito nin a politización deste tema", insistiu o rexedor municipal, quen ofreceu ao conselleiro unha "man tendida e colaboradora" para "reconducir este asunto". Ademais, e ante outra das preocupacións, o descoñecemento da programación, anunciou que o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, quedou en detallarlle a mesma de inmediato.

Preguntado precisamente polas queixas do conselleiro de Cultura respecto a achega do Estado para o Xacobeo, Sánchez Bugallo indicou que "tampouco estamos demasiado contentos con iso e a Xunta terá todo o noso apoio no intento de buscar unha maior implicación do Estado". Non obstante, continuou, "é complicado pedir iso cando o propio titular non se implica", indicando que "en España non se entende o que se está a facer e no resto do mundo non se sabe o que se está facendo".

Na reunión co alcalde en Raxoi participaron os presidentes das seguintes entidades: Cámara de Comercio de Santiago, Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, Agrupación de Comerciantes de Santiago (ACOTES), Colexio de Procuradores e Colexio de Avogados.

Reunión coa ministra de Cultura e co presidente de AENA
A reunión co conselleiro de Cultura non será a única que o alcalde manterá en Madrid, onde asistirá, no marco de FITUR, á presentación do Xacobeo. Manterá un encontro co presidente de AENA, Juan Ignacio Lema, no Ministerio de Fomento, e outro coa ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, coa que tamén falará, entre outros asuntos, do Xacobeo 2010.

Compartir: