CIDADE HISTÓRICA

O Concello do Prat de Llobregat interésase pola rexeneración da Cidade Histórica de Santiago

19/01/2010 O Concello do Prat de Llobregar convidou o Concello de Santiago a participar na xornada Os plans de barrio como instrumento de desenvolvemento económico da cidade, que se celebrará o 20 de xaneiro na na localidade catalá. A concelleira da Cidade Histórica, Olga Pedreira, acompañada do xefe de área de Rehabilitación, Fernando Tobío, darán conta do relatorio O proxecto de rexeneración da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, co que exporán e explicarán o caso compostelán.

Os representantes santiagueses detallaran como na nosa cidade se teñen aplicado unha políticas de rehabilitación que foron eficaces porque estaban dentro dun marco e proxecto global de cidade. Como puntos tamén importantes do discurso compostelán destacarán que estas políticas teñen que ter un horizonte temporal a longo prazo e que esixen marcos normativos claros, acompañados dun financiamento estable e duns equipos xestores fortemente motivados.

Outra das ideas clave deste relatorio sobre a rexeneración da zona vella é a necesidade de estar amparados por unha ampla participación da cidadanía, peza chave e imprescindible, posto que son os destinatarios destas liñas de traballo. As políticas de recuperación urbana deben de transcender os simples investimento en melloras do parque de vivendas e dos espazos públicos, porque os seu efectos sobre o conxunto da zona a recuperar son limitados, sobre todo nas situacións de crise que vivimos.

Dende o Concello de Santiago manifestarase a necesidade de políticas transversais dirixidas á dinamización económica e social dos espazos urbanos deteriorados, que doten de contido real ás denominadas actuacións de rehabilitación integral. Avanzando que para tentar satisfacer esta necesidade levaranse adiante dúas importantes iniciativas:

- Un novo programa de axudas ás actividades empresariais da Cidade Histórica, que integre as políticas de apoio á rehabilitación coas de apoio á promoción empresarial.

- O inicio do rexistro de solares e edificación deficiente, co obxecto de estimular a rehabilitación de edificios en estado ruinoso.

Compartir: