ALCALDÍA

Pisa e Santiago perfilan programas de colaboración económica, académica, turística e cultural

19/01/2010 Unha delegación da cidade italiana de Pisa está a visitar Santiago, coa que está irmandada dende maio de 2009. O obxecto da viaxe é establecer contactos con diferentes estamentos da cidade para concretar unha serie de programas económicos, culturais e turísticos en común.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu a delegación italiana, composta por Paolo Ghezzi, tenente de alcalde de Pisa; Mafalda Inguscio, concelleira de Relacións Internacionais; e Giovanni Padroni, xerente da Ópera da Primaziale. Tamén participou no encontro o concelleiro compostelán de Relacións Institucionais, Andrés Fariña.

Na reunión, os representantes das dúas cidades amosaron o interese en ratificar en Santiago o irmandamento entre as dúas cidades, asinado inicialmente en maio de 2009 na vila italiana. Ademais, a delegación de Pisa explicoulle ao alcalde o resultado dos contactos que están a realizar en Compostela.

Unha das reunións foi coa Cámara de Comercio, encabezada polo seu presidente, Jesús Asorey. Do encontro saíu a vontade de traballar na busca dun proxecto común medioambiental transnacional adaptado ás convocatorias abertas de fondos europeos. Tamén se comprometeron a elaborar unha metodoloxía que permita valorar a achega que o patrimonio histórico e cultural ten na economía das dúas cidades. E, en terceiro lugar, acordouse favorecer o intercambio de experiencias de emprendedores de ambas urbes.

A seguinte parada foi no Arcebispado, onde recibiu á delegación italiana o seu titular, Julián Barrio. Ademais do compromiso de traballar na ratificación do irmandamento, promovido inicialmente polo arcebispo de Pisa, anunciouse a visita no mes de agosto dunha peregrinación de preto de 200 persoas da diócese de Pisa, encabezados precisamente polo arcebispo italiano.

A expedición tamén foi recibida polos vicerrectores de Política Internacional, Agustín Merino, e de Oferta Docente e Espazo Europeo, Máximo Pló, así como polo xerente dos Cursos Internacionais. Entre os asuntos nos que se traballará en colaboración están: a difusión polo Concello de Pisa de cursos de español e cultura para adultos organizados pola USC; unha maior difusión das becas Erasmus entre ambas universidades; o desenvolvemento como aplicación metodolóxica por parte do Centro de Estudios Turísticos da análise do patrimonio histórico e cultural recoñecido pola UNESCO como estratexia para o desenvolmento das cidades; e o desenvolvemento do Master de Dirección e Planificación de Turismo, co obxecto de establecer contactos co Centro de Investigación Turística de Lucca e realizar intercambios de estudantes.

Outro dos contactos foi coa Real Filharmonía de Galicia. O obxectivo é que a formación e o Coro de la Opera de la Primazziale poidan realizar unha actuación conxunta no marco dos ciclos de música sacra de ambas cidades. Tras este encontro, a delegación de Pisa tamén visitou a Cidade da Cultura. Para a xornada do 20 de xaneiro estaban previstas visitas a Incolsa e Uninova.

Compartir: