XUNTA DE GOBERNO

Visto bo a dez proxectos do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local

19/01/2010 O Goberno local deu o visto bo, para a súa remisión ao Ministerio de Política Territorial, de dez dos proxectos que serán financiados a cargo do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.

Entre os proxectos aprobados, destaca polo seu importe o de construción dun centro sociocultural no barrio de Santa Marta, que contará cunha sala independente de usos múltiples. O custo desta iniciativa ascende a 1.261.843 euros, cantidade na que se inclúe o proxecto, redacción, dirección e subministro de equipamento.

Outra actuación importante será a construción do campo de fútbol da parroquia de Santa María de Villestro, cun orzamento previsto, por todos os conceptos, 800.000 euros. Tamén en materia de deportes, aprobouse a construción de pistas de tenis e pádel en Sar, por importe de 431.340 euros.

O proxecto de renovación das redes de auga e alumeado público na rúa Torreira, no Romaño, terá un custo de 350.000 euros, mentres que a adecuación, rehabilitación e mellora do Local das Avoas de Pontepedriña e do centro sociocultural suporá un investimento de 150.000 euros.

En materia de tecnoloxías, aprobouse o subministro dun sistema de axuda á explotación do transporte urbano (200.000 euros), o peche do Casco Histórico por un sistema de lector de matrículas (184.000 euros) e un programa de acceso á sociedade do coñecemento e da información da Casa do Asociacionismo de Cornes (57.100 euros).

Para a Policía Local, deuse o visto bo a novos equipamentos tecnolóxicos na Sala de Pantallas (223.652 euros) e á renovación do alumeado no cuartel, co obxectivo de reducir o consumo enerxético (45.507 euros).

Documentos relacionados



Compartir: