BENESTAR SOCIAL

O Concello e o Foro de Inmigración formarán mediadores interculturais entre os escolares

19/01/2010 Un ano máis, o Concello e o Foro de Inmigración poñen en marcha a súa oferta de actividades de sensibilización para escolares en torno ao fenómeno da inmigración. Os bos resultados de campañas anteriores fan que este ano se amplíen as sesións a outros niveis educativos. A novidade deste ano, o proxecto piloto Mediador de pares.

As campañas que se desenvolverán son as denominadas En cada rostro igualdade, destinada a 3º e 4º de ESO; Xunt@s, dirixido a 3º e 4º de Primaria; e Iguais en igualdade, con versións diferenciadas para alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato e para escolares de 3º, 4º e 5º de Primaria. As actividades complétanse cun Videoforum para alumnos de Bacharelato. Todas estas actividades foron presentadas en rolda de prensa pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, acompañada polo voceiro-coordinador do Foro de Inmigración, Miguel Fernández; e pola súa vice-coordinadora, Rocío Rodríguez.

Ademais, este ano presentase o proxecto piloto de Mediador de pares. O seu obxectivo é formar grupos de estudantes que desexen implicarse na mediación intercultural. Realizaranse grupos heteroxéneos de 20 a 25 alumnos de 3º e 4º de Secundaria nalgún instituto da cidade con este fin.

Desenvolverase unha dinámica en tres fases: a descentralización, coa toma de conciencia para chegar a unha relativización dos puntos de vista; a penetración no sistema do outro, co obxectivo de descubrir o que ten sentido e valor para o outro; e a negociación-mediación, destinada á resolución e prevención de conflitos.

Integración real
A concelleira de Benestar Social destacou na súa intervención a importancia deste tipo de campañas para lograr a "integración real" dos inmigrantes, "sen desprezar a riqueza dos seus valores sociais, que traen dende distintas partes do mundo". Aproveitou tamén para rexeitar as prácticas dalgúns concellos no empadroamento, indicando que se trata de "actitudes que levan á discriminación".

Nas campañas realizadas no curso 2008/09 participaron 622 alumnos. "Este é un traballo máis de calidade que de cantidade, pero imprescindible", indicou Miguel Fernández, quen resaltou que "o ámbito escolar é prioritario para este traballo formativo".

Xogos, debate en grupo e outras actividades en dúas sesións
As campañas teñen un caracter máis lúdico na etapa de primaria, na que se empregan xogos e plástica. Nas etapas posteriores a énfase ponse no debate en grupo, mediante dinámicas ou video-foro. Búscase así desenvolver nos escolares unha mirada crítica cara o fenómeno migratorio e súas causas e consecuencias, ao tempo que se logra un achegamento á realidade deste colectivo. Con este fin, entre os monitores inclúense persoas inmigrantes de diferente procedencia, que falarán dende a súa perspectiva e experiencia persoal, o que posibilita unha maior empatía e conexión co alumnado.

En todas as etapas, as actividades realízanse en dúas sesións de cerca dunha hora e 40 minutos. Hai un espazo de unha ou dúas semanas entre a primeira e a segunda sesión. Ademais, para o alumnado de primaria ofrecese un acto final de campaña coa presenza dun contacontos, elaboración colectiva dun cartel e reparto dunha pequena sorpresa ou agasallo.

Ao finalizar as sesións tamén se solicita a colaboración dos alumnos e alumnas e do profesorado para cubrir un cuestionario de avaliación. O obxectivo do mesmo é recoller as achegas, críticas, suxestións ou inquietudes suscitadas durante as actividades, co fin de introducir as oportunas modificacións.

O Foro de Inmigración de Santiago de Compostela é unha plataforma nacida no ano 2003 e que, na actualidade, está integrada por máis de 80 asociacións de inmigrantes e entidades que traballan en favor deste colectivo.

Compartir: